As Pontes programa en marzo novas sesións de Xoves na Biblio con teatro e contacontos para público infantil

O Concello das Pontes, a través da súa programación cultural, continuará durante o mes de marzo cos Xoves na Biblio, unha iniciativa dirixida ao público infantil e familiar que combinará teatro, presentacións de libros e contacontos en distintos espazos culturais do municipio.
A primeira cita terá lugar o xoves 5 de marzo ás 18.00 horas na Casa Dopeso coa representación de Rosa e Azul, da compañía Pérez&Fernández, unha proposta escénica recomendada para nenos e nenas a partir de cinco anos.
O xoves 12 de marzo, tamén ás 18.00 horas, a Biblioteca Municipal acollerá a presentación do libro e contacontos Oli, el saltamontes aventurero, unha actividade pensada para crianzas a partir de tres anos que combina narración e dinamización lectora.
A programación completarase o xoves 26 de marzo ás 18.00 horas na Casa Dopeso coa sesión A historia de Rata o Pirrata, de Carlos Godoy, igualmente dirixida a público infantil a partir de tres anos.
Con estas propostas, o Concello das Pontes reforza a súa aposta pola animación á lectura e pola oferta cultural destinada ás familias, fomentando o acceso á cultura desde as idades máis temperás.