As Pontes publica as bases e abre a inscrición para a cabalgata de Entroido
O Concello das Pontes vén de publicar as bases para participar na cabalgata de Entroido, que se celebrará o martes como é tradicional, organizada polo Concello das Pontes e que repartirá máis de 4.650 euros en metálico entre os seus participantes ademais de lotes de libros entres os pequenos.
O prazo de inscrición xa está aberto e pode facerse ata o 24 de febreiro ao mediodía na sede electrónica ou mesmo no departamento de Cultura do Concello.
Establécense, así mesmo, dúas modalidades para os grupos, en función do número de integrantes. De tal xeito que, os grupos de entre 3 e 9 persoas optarán a premios de 350, 250, 150 e 100 euros mentres que, entre as agrupacións de 10 ou máis membros repartiranse catro premios 500, 400, 200 e 100 euros.
Ademais, o Concello das Pontes premiará ás catro primeiras parellas adultas clasificadas con 175, 150, 100 e 75 euros, respectivamente e, a nivel individual, os adultos que tomen a saída no desfile poderán gañar 125, 100, 75 e 50 euros se se sitúan entre os catro disfraces máis valorados polo xurado.
Como en edicións anteriores, As Pontes tamén premiará aos participantes máis novos e, deste xeito, na categoría infantil haberá sete premios, de 150 euros cada un, para os grupos e outros tantos para as parellas e os participantes individuais, dotados con 75 euros e 50 euros, respectivamente, cada un deles.
Aos premiados nas categorías infantís entregaráselles un vale trocable por libros, material, xogos educativos e didácticos mentres que para os nenos e nenas menores de 8 anos, o premio será un conto.
O xurado terá en conta na súa valoración aspectos como a orixinalidade, o vestiario, a maquillaxe, a calidade musical, a coreografía así como o desenfado na interpretación dos disfraces e o número de compoñentes nos grupos para outorgar os premios ás mellores carrozas, entre 700 e 200 euros para os catro primeiros clasificados.