As Pontes puxo en marcha un voluntariado xuvenil medioambiental
O Concello das Pontes puxo en marcha, o pasado mes de maio, un grupo de voluntariado xuvenil, en materia de medio ambiente, co obxectivo de formar á xuventude, dun xeito colaborativo e divertido, para que coñezan de primeira man o patrimonio natural da vila e aprendan a valoralo e respectalo.
Tania Pardo, responsable da área de Educación e Xuventude, sinala que “desde o Concello levamos anos promovendo un novo modelo de xogo para a infancia, alonxado das pantallas, centrado no disfrute do lecer ao aire libre, esencial para o benestar físico e mental, aínda moito máis en tempo de pandemia e confinamentos. Este programa danos esta opción e ademais permítenos implicar á xuventude na procura dos obxectivos da Axenda 2030, convertíndoa nunha ponte coa veciñaza e asi conquerir a necesaria participación da poboación da nosa vila”
O grupo de voluntariado está conformado por 7 adolescentes, con idades comprendidas entre os 16 e 18 anos, e as actividades arrincaron cun proxecto de recollida selectiva de refugallos nos dous centros de secundaria do municipo.
Así, os voluntarios e voluntarias encargáronse de recoller os envases dos produtos consumidos nos tempos do recreo e que poidesen ser empregados en proxectos artísticos, tales como botellas, latas de refrescos ou vasos de cartón. Tamén foron responsables do proceso de clasificación e almacenamento dos manterias de refugallo e de animar aos seus compañeiros e compañeiras a participar no proxecto.
Con estes materiais, durante os últimos días do mes de xuño, levouse a cabo un obradoiro de creación de xoguetes, actualmente expostos na Casa Dopeso, e a través dos que se incide na importancia de consumir reponsablemente e ser respectuosos co medio ambiente e a sociedade.
Por outra banda, durante as fins de semana do mes de xuño, o grupo de voluntariado participou en catro roteiros, de especial interese medioambiental, guiados por monitores expertos en materia medioambiental, que lles permitiron coñecer a fauna, flora e as características da paisaxe e patrimonio natural do municipio.
Así mesmo, os voluntarios e voluntarias ambientais, axudaron na montaxe da exposción organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente e que foi instalada nos institutos da localidade.
Durante o mes de xullo participaron nas actividades culturais organizadas polo Concello ao longo do mes de xullo no patio do Colexio de Santa María onde tamén tiveron a oportunidade de dar a coñecer á veciñanza e vistiantes os ODS, mediante o reparto de diferente material informativo e dando resposta ás súas cuestións.