As Pontes recibe unha achega da Deputación para reforzar os departamento de Benestar Social
O pleno do Concello das Pontes aprobou hoxe, por unanimidade, durante unha sesión extraordinaria, destinar 143.791 euros, procedentes da Deputación da Coruña para reforzar os servizos que ofrece á veciñanza o departamento de Benestar Social.
Tania Pardo, responsable da área, apuntou que “desta achega, o Concello das Pontes destinará 125.791’19 euros a gasto corrente que destinarán a algúns dos programas cos que contamos na actualidade, así 12.878’19 euros empregaranse para reforzar o servizo de axuda no fogar, na súa modalidade de dependencia. “Con esta cantidade aliviarase o gasto que realizada o Concello das Pontes neste ámbito. Un servizo, de competencia autonómica, que supón un investimento anual de 1,8 millóns de euros, dos que o Concello achega preto de 600.000 euros”.
Por outra banda, 5.000 euros irán para aumentar as axudas do plan de emerxencia social, “prestacións económicas, de carácter urxente, finalista e extraordinario coas que tratamos de axudar aos veciños e veciñas das Pontes a paliar situación de carencias básicas, transitorias, imprevistas e excepcionais ou a previlas” indicaba a concelleira.
Así mesmo, 7.913 euros destinaranse a adquisición dunha aplicación informática para mellorar e axilizar a xestión do servizo de axuda no fogar que permitirá optimizar os horarios e a asignación de servizos, acceso permanente a toda a información sobre as persoas usuarias e a súa evolución, elaboración do plan de intervención, etc “que reverterán positivamente na calidade do servizo e da xestión do mesmo”.
Os 18.000 euros restantes estarán destinados a reforzar o banco de produtos de apoio para persoas con mobilidade reducida coa adquisición de novos dispositivos de asistenciais para “continuar facilitando a vida das persoas en situación de dependencia ou con mobilidade reducida así como a das persoas coidadoras”.
Trátase dun servizo municipal que ofrece cadeiras de rodas, andadores, camas articuladas, colchóns antiescaras, cadeiras de duchas e guindastres así como outro tipo de produtos de apoio – muletas e bastóns- a persoas con mobilidade reducida ou en situación de dependencia, de todas as idades e empadroadas nas Pontes.
O préstamo é de carácter temporal e gratuíto. Para poder solicitar un destes recursos é preciso poñerse en contacto co Departamento de Benestar Social, onde o persoal técnico valorará a situación, a necesidade da persoa solicitante para realizar o préstamo do elemento máis apropiado, na maior brevidade posible e durante o tempo que o precise.