As Pontes recibiu ao seteiro olímpico, Daniel Castro
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, recibiu ao deportista pontés, Daniel Castro Barcala, tras a súa participación nos xogos olímpicos de Tokio.
O seteiro das Pontes foi o representante masculino de España de tiro con arco, tanto na proba individual como na competición mixta, na que participou xunto a Inés de Velasco, representando ao noso país entre os mellores deportistas do mundo nesta disciplina.
O rexedor local, que estaba acompañado nesta recepción oficial polo concelleiro de Deportes, Chicho Tembrás, membros do Club de Tiro con Arco Silex e a familia de Castro, aproveitou a ocasión para felicitar ao seteiro e amosar a súa satisfacción pola participación do mozo pontés nas olimpíadas.
“Non todos os días se recibe a un deportista olímpico nesta casa. Estas grandes alegrías venas dando o Club Silex desde fai anos. Abriu camiño Gemma Buitrón, despois Miguel Alvariño e agora Daniel Castro. Os logros non son froito da casualidade, son froito do compromiso, profesionalidade e esforzo persoal e familiar” indicou González Formoso.
O alcalde referiuse a Daniel Castro como un gran deportista que traballou e traballa moi duro para chegar á un nivel de elite, feito que lle causa todo o respecto e admiración “nun mundo onde vemos que a mocidade ten unha capacidade enorme de aprendizaxe pero onde tamén ten unha presión enorme tecnolóxica enorme, onde as alternativas de ocio están vencelladas ás pantallas e cada vez menos ao deporte e aos valores que o acompañan. Daniel representa a solidaridade, o esforzo e o traballo en equipo e representas o mellor da nosa vila, sendo xa referencia para moitos mozos e mozas das Pontes”
Durante este encontro, o alcalde coñeceu de primeira man cales son os proxectos de futuro e aspiracións deportivas do mozo pontes que pasa por continuar entregado a este deporte e seguir levando ao mais alto desta disciplina o nome das Pontes coa mirada posta no Mundial
González Formoso tamén aproveitou a ocasión para felicitar ao Club de Tiro con Arco, Silex, fundado en 1990 por Manuel Buitrón, “unha entidade humilde que é unha auténtica escola de campións da que tamén saíu Miguel Alvariño, seteiro pontés que representou a España nos Xogos Olímpicos de 2016, celebrados en Río de Xaneiro.
Pola súa banda, Daniel Castro Barcala, agradeceu a benvida ao pobo xa que “é moi reconfortante que na túa casa se valore o traballo de tantos anos” O seteiro tamén agradeceu todas as mensaxes de ánimo recibidas durante os últimos días e durante a súa estancia en Tokio así como a oportunidade que lle deu o Club Silex para chegar a ser membro do equipo olímpico español “Todo proxecto ten un comezo e o meu comezo foi alí, rodeado de referentes e facendo que en mi medrase a sensación de querer ser coma eles” indicou Castro
Tamén quixo dar as grazas a súa familia que “sempre me arropou e estivo comigo, apoiándome en momentos nos que nin eu mesmo, cría en mi. A miña nai por acompañarme en todas as viaxes dos campionatos nacionais e sobre todo ao meu avó, que non é só o meu avó senón o pai de toda a familia. Espero que estea moi orgulloso de min porque eu síntome moi orgulloso del”.
O seteiro asinou no libro de honra do Concello das Pontes e recibiu das mans do seu avó, unha placa conmemorativa do Concello con motivo dos seus éxitos deportivos.