As Pontes reclama un pediatra permanente no centro de saúde
Nunha carta remitida á Consellería de Sanidade, os grupos políticos con representación no Concello das Pontes, expecto o Partido Popular, reclaman ao Sergas e á xerencia da área sanitaria de Ferrol a cobertura, de forma permante e estable, da praza de pediatría do centro de saúde do municipio, á maior brevidade posible.
O pasado luns, 3 de febreiro restableceuse o servizo de pediatría no centro de saúde do concello das Pontes coa incorporación, de forma temporal, dun novo/a pediatra que dará cobertura á praza vacante por baixa médica.
Unha solución inmediata, pero “que non resolve o problema na súa totalidade polo que urxe traballar na “procura dunha solución que permita ás nenas e nenos menores de 14 anos da nosa vila ter acceso a unha atención sanitaria de calidade” indican na carta remitida ao titular de sanidade do goberno autonómico.
Neste mesmo escrito apuntan que “o servizo de pediatría no noso municipio da cobertura sanitaria a preto de 1.100 nenos e nenas menores de 14 anos e debe prestarse con absolutas garantías” e subliñan que “desde o Concello das Pontes non cesará o empeño para evitar a precarización e a perda de calidade dos servizos público sanitarios, servizos básicos e esenciais”.