As Pontes recupera tras dous anos a Cita coa Historia

TerraChaXa
As Pontes, acollerá, tras dous anos de parón por mor da pandemia, do 23 ao 25 de setembro a VII edición da Cita co Historia das Pontes.
cita coa historia as pontes2
16 sep 2022

As Pontes, acollerá, tras dous anos de parón por mor da pandemia, durante os días 23, 24 e 25 de setembro a VII edición da “Cita co Historia das Pontes” nas rúas do casco histórico da vila.

O evento, organizado polo Concello das Pontes en colaboración coa Asociación Lembranza da Vila, é unha recreación histórica que busca afondar nos xeitos de vida da poboación devanceira das Pontes, concretamente da persoas que poboaron o municipio en época galaico romana.

Vicente Roca, concelleiro de Cultura apunta que "se ben as orixes dos primeiros asentamientos ponteses remóntanse á prehistoria, existiu un asentamento de época romana no barrio coñecido como Chamoselo, e que na década de 1990 foi escavado arqueolóxicamente, e en cuxas escavacións foron descubertas diferentes estruturas asociadas a unha villae romana. Con este evento buscamos poñer en valor estes achazgos e continuar divulgando o noso patrimonio histórico e cultural dun xeito lúdico e didáctico, achegándoo a toda a poboación".

Así, nesta nova edición da Cita coa Historia continúase apostando pola divulgación histórica, facendo partícipe ao público máis novo, a través de diferentes obradoiros de recreación histórica, xogos de época e tradicionais, demostracións de artesanía en vivo, así como espectáculos teatrais e musicais.

Ao igual que en edicións anteriores, contarase coa participación dunha entidade de recreación histórica de Lugo, cidade que conta cunha importante festa de recreación galaico romana, como é o Arde Lucus. Achegaranse ata As Pontes as guerreiras da raíña Boudica, a Asociación Lucus Icenas Miliatore, que amosarán ao público a panoplia dunhas guerreiras celtas, así como a historia da súa raíña e a súa loita contra a invasión romana.

O evento, que se prolongará durante toda a fin de semana e que contará cun mercado de época, dará comezo o venres 23 de setembro ás 17:00.

O acto oficial de apertura da VII Cita coa Historia das Pontes terá lugar ás 20:30 co pregón que este ano pronunciará a pontesa Mari Pajón, unha veciña que naceu e medrou nas rúas da vila.

cita coa historia as pontes1
cita coa historia 1
cita coa jhistoria 5
0.18550801277161