As Pontes reforza o servizo municipal de Atención Temperá

TerraChaXa
Corenta e seis menores reciben atención logopédica, terapéutica e psicolóxica.
visita tania pardo atencion tempera
21 sep 2023

Corenta e seis menores reciben atención logopédica, terapéutica e psicolóxica. O servizo ofrece un total de 84 horas semanais de atención individualizada, un 15% máis que no ano 2022.

O programa de atención temperá, posto en marcha no ano 2019 polo Concello das Pontes, aumentou, no ano 2023, nun 15% o número de familias atendidas sendo xa corenta e seis crianzas as que reciben atención logopédica, terapéutica e psicolóxica a través da que se busca facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e promover a súa inclusión social.

Trátase dun “servizo esencial para todas aquelas familias que se enfrontan a unha situación non esperada no desenvolvemento do bebé. A través do programa de atención temperá, desde o Concello das Pontes tratamos de ofrecerlles ás familias un recurso co fin de mellorar a calidade de vida dos seus fillos e fillas, contribuír a que as crianzas teñan maiores oportunidades de futuro, buscando que cada neno e nena teña o mellor comezo da súa historia persoal” subliña a concelleira responsable da área, Tania Pardo.

O servizo ofrece un total de 84 horas semanais de atención individualizada, un 12% máis que durante o ano 2022, e está dirixido a familias das Pontes, con nenos e nenas de 0 a 6 anos que, durante período pre, peri ou postnatal, estiveran sometidos a situacións que puidesen alterar o seu proceso madurativo, como pode ser a prematuridade, baixo peso, a anoxia ao nacer, ou calquera outro factor ou signo biolóxico de risco, así como a menores que presentan retardo ou calquera factor ou signo biolóxico de risco ou discapacidade física, psíquica ou sensorial e menores en situación de risco ou desamparo, sempre que alteren o proceso madurativo.

O programa inclúe servizos de logopedia, terapia ocupacional e psicoloxía que, segundo un modelo que considera aspectos biopiscosociais, oferta unha atención que, desde a vertente preventiva e asistencial, promove e potencia a capacidade de desenvolvemento e benestar das crianzas usuarias, posibilitando a súa integración no medio familiar, escolar, social así como a súa autonomía.

O servizo de logopedia comprende o diagnóstico e valoración individualizada dos/das menores, o tratamento, orientación e seguimento de cada uno dos casos así como a coordinación cos recursos comunitarios e actuacións de prevención primaria, traballándose na área da comunicación e as súas alteracións coa finalidade de mellorar a linguaxe, a fala, a voz e deglutición.

Desde o ámbito da terapia ocupacional intervense nos aspectos relacionais, lúdicos e funcionais, sendo obxecto deste servizo a intervención coas familias e os/as menores no proceso de rehabilitación nas actividades da vida cotiá, incluíndo o diagnóstico e valoración individualizada, o tratamento, orientación e seguimento así como atención individual e familiar para dotar ás familias de pautas a aplicar co fin de conseguir condutas estimuladoras e educativas.

O servizo de psicoloxía está orientado a ofrecer unha atención integral en todas as áreas do desenvolvemento da poboación infantil, centrándose en aspectos de carácter cognitivo, social, emocional, motor, condutual e da comunicación, permitindo a intervención psicolóxica con familias e menores de 0 a 6 que presentan trastornos de desenvolvemento ou risco de padecelos, levar a cabo un diagnóstico e valoración individualizada. Inclúe ademais tarefas de Información, asesoramento e apoio á familia para ofrecer pautas de actuación co/coa menor, dinámicas familiares e recursos externos que favorezan o desenvolvemento e a calidade de vida das familias.

0.18344306945801