As Pontes reforza o seu apoio ao emprendemento cunha nova edición do programa 'As Pontes Emprende'

O Concello das Pontes acaba de lanzar unha nova edición do programa “As Pontes Emprende”, unha iniciativa que reafirma a súa aposta polo emprendemento como motor económico e social. Nesta undécima edición, o proxecto está dotado cun orzamento de 64.000 euros, destinados a incentivar a creación de novas empresas, apoiar o traballo das persoas autónomas e contribuír á dinamización das pequenas e medianas empresas do municipio.
Desde a súa posta en marcha en 2015, o programa ten mobilizado máis de 328.000 euros, apoiando un total de 120 proxectos e facilitando a creación de máis de 150 empregos directos en sectores como a agricultura ecolóxica, o comercio, a hostalaría, a construción, a carpintería metálica ou os servizos profesionais.
Ana Pena, concelleira de Industria e Emprego, destacou que esta nova convocatoria busca consolidar o compromiso municipal co emprendemento, promovendo unha economía local “dinámica, diversa e resiliente”. Subliñou ademais o papel central que teñen as persoas emprendedoras na modernización do tecido produtivo e na creación de riqueza: “Son claves para garantir un futuro sostible e competitivo para As Pontes”.
O programa divídese en dúas liñas de axuda, cada unha cun máximo de 2.000 euros por proxecto. A liña “Impúlsate” está dirixida a cubrir os gastos de alugueiro de locais ou espazos onde se desenvolva a actividade, mentres que a liña “Instálate” subvenciona o inmobilizado material e as inversións necesarias para adecuar os locais.
Estas achegas pretenden reducir os principais obstáculos económicos aos que se enfrontan as persoas emprendedoras nos primeiros pasos da súa actividade, facilitando así a viabilidade dos proxectos e incrementando as opcións de éxito a medio e longo prazo.
As bases completas da convocatoria están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia da Coruña número 145, do 1 de agosto de 2025, así como na web da Deputación da Coruña, na páxina oficial do Concello de As Pontes e a través do Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), onde tamén se ofrece acompañamento técnico para a presentación das solicitudes.