As Pontes reforzará a vixilancia contra os incendios forestais en todas as parroquias
O Concello das Pontes, a partir desta fin de semana e ata o final da época estival, reforzará os servizos de vixilancia e seguridade, en todas as parroquias do municipio, contra os incendios forestais en colaboración coa Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil.
Esta decisión tómase ante os incendios ocorridos o martes, que devastaron máis de 160 hectáreas de monte, e as incidencias que se produciron na noite do xoves, en diferentes lugares do termo municipal, co obxectivo de evitalas e estar preparados para poder actuar con dilixencia ante este tipo de situacións.
Así, con tal fin, en todas as zonas sensibles do Concello disporanse diversos operativos de prevención coordinados entres os distintos corpos de seguridade e nos vindeiros días, previo acordo coas persoas propietarios das fincas, está previsto instalar decenas de cámaras videovixilancia, un elemento esencial para dar unha resposta temperá cando se produce un incendio e garantir, deste xeito, a seguridade da veciñanza. Este tipo de dispositivos tamén permitirán sumar esforzos para conseguir que os posibles causantes non queden impunes, posibilitando a identificación das presuntas persoas autoras do incendios.
Por outra banda, desde o Concello das Pontes incídese na importancia de chamar ao 112 en caso de observar calquera indicio de lume forestal para que se poidan activar, rapidamente, os protocolos de loita e control contra os incendios forestais.