As Pontes remata a renovación integral do pavillón Monte Caxado
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado polo concelleiro de Deportes, Chicho Tembrás, e o concelleiro de Obras, Pancho Franco, visitaron o pavillón polideportivo Monte Caxado ao remate dos traballos de renovación integral do pavillón polideportivo Monte Caxado.
O proxecto valorado en 228.796,59 euros financiado, conxuntamente pola Deputación da Coruña e o Concello permitiu arehabilitación do tellado para mellorar a saúde e as condicións de illamento térmico de toda a edificación. Con tal fin, eliminouse o material de revestimento de fibra de cemento e o falso teito para substituílo por un panel sándwich, incorporando dous aireadores na dorsal da cuberta para mellorar a renovación do aire interior.
Ademais rehabilitouse gran parte da fachada para mellorar tamén as condicións de illamento térmico e sanitario do pavillón polideportivo así como a súa iluminación natural para o que se instalou un illamento interior coas mesmas características do tellado e, así mesmo, as follas de poliéster da fachada tamén se substituiron por outras de policarbonato compacto con tratamento de protección contra os raios UVA.
O proxecto incluíu a renovación do pavimento na pista, adaptado ás demandas das diferentes disciplinas deportivas que se practican nesta instalación. Deste xeito, dispúxose un pavimento deportivo de zona elástica para uso multiusos de interiores e de alta competición, axeitado para a práctica de fútbol sala, baloncesto e deportes sobre rodas como o patinaxe e o hockei sobre patíns.
Substituíuse así mesmo, a iluminación actual da zona deportiva, trocando as lámpadas existentes por tecnoloxía LED para reducir o consumo de electricidade e mellorar a eficiencia enerxética e luz deste edificio.
O rexedor local lembrou que “está é unha obra moi necesaria, o pavillón foi construído a finais dos anos 80 e só sufriu rehabilitacións parciais, e necesitaba dunha actuación en profundidade para responder á demanda existente no Concello xa que nestas instalacións, ademais do uso do propio centro educativo, tamén se practican baloncesto, fútbol sala, patinaxe e outras actividades deportivas. Á espera de executar uns retoques finais, porase á disposición da veciñanza, na maior brevidade posible”.