As Pontes renova o convenio para loitar contra o absentismo escolar
O Concello das Pontes renovou, esta mañá, os convenios de colaboración con Aspanaes e a Residencia A Magdalena para continuar co programa educativo dirixido ao alumnado con perfil abstentista da vila.
A concelleira de Educación, Tania Pardo apunta que "con este programa, posto en marcha o ano pasado, tratamos de ofrecer un apoio os centros educativos, familias e alumnado, no proceso de expulsión e o absentismo escolar. Esta iniciativa, con grandes resultados o curso pasado, seguirá a ofrecer un acompañamento no proceso de expulsión que deixa un baleiro na conciliación familiar e no acompañamento socioeducativo."
O programa ten como obxectivo prioritario que o alumnado adquira coñecementos educativos e valores sociais que leven á modificación da súa conduta no centro educativo, valorando a súa formación e ofrecendo un apoio aos centros de ensino e ás familias.
Os centros educativos de secundaria do municipio poderán derivar ao alumnado con perfil abstentista ao programa de atención educativa á infancia e á adolescencia no que se lles ofrecerá apoio socioeducativo.
O alumnado acudirá, dous días á semana, ás actividades do programa en horario lectivo para realizar diversas tarefas educativas impostas polos centros educativos e as entidades sociosanitarias colaboradoras acollerán un día á semana ao alumnado derivado, quen realizará tarefas de voluntariado baixo a supervisión do persoal do centro.