As Pontes renovará a súa rúa Pontedeume
O Concello das Pontes ten previsto acometer as obras de renovación da pavimentación e servizos da Rúa Pontedeume, dándolle continuidade ao proxecto de rehabilitación do centro urbano, ofrecéndolle mellores servizos á veciñanza, apostando pola accesibilidade e a mobilidade, gañando comodidade tanto nos desprazamentos peonís como no tráfico rodado.
Un proxecto cun orzamento de 206.381 euros, financiado pola Deputación da Coruña, que permitirá dotar á rúa dunha total accesibilidade mediante a creación dunha plataforma á mesma cota entre a calzada e as beirarrúas, optando pola mesma solución estrutural e estética desenvolvida noutras zonas do casco urbano.
O pavimento da calzada para o tráfico rodado executarase con aglomerado quente mentres que a zona da beirarrúa realizarase con plaquetas de formigón, executándose o encontro entre o viario e a beirarrúa con lastra prefabricada de formigón.
Ademais crearanse novas arquetas para as acometidas de conexión do saneamento coas vivendas, e executarase unha nova rede separativa mediante un colector de augas pluviais que discorrerá pola zona central da calzada, e onde se conectarán as baixantes dos edificios.
Instalarase ademais unha nova rede de alumeado, eliminando o actual, instalado nas fachadas, que será substituído por novos báculos, luminarias, arquetas de conexións e o cableado correspondente.
Os traballos finalizarán coa instalación de novo mobiliario urbano (bancos, papeleiras e xardineiras de madeira) así como coa reposición da sinalización horizontal e vertical necesaria.