As Pontes renovará os servizos públicos e os pavimentos na rúa Cabanas
O Concello das Pontes ten previsto renovar os servizos públicos e os pavimentos na rúa Cabanas, un proxecto, finaciado a través do POS 2022 da Deputación da Coruña, cun un orzamento de 195.452 euros.
Esta actuación permitirá a execución dunha nova rede de recollida de augas pluviais separativa, nas dúas marxes da rúa. Unha rede que irá dotada dos correspondentes sumidoiros, con arquetas de recollida de acometidas das vivendas, ten como obxectivo prioritario o control do aporte de augas limpas ó sistema de depuración municipal.
A actuación tamén contempla a execución de nova canalización para a iluminación pública ao longo de toda a beirarrúa dereita e a substitución da canalización de alimentación dende o cadro xeral a toda a zona para iluminación e comunicación.
A través destas obras así como de todas as levadas a cabo durante os últimos anos, o Concello das Pontes quere dar un salto cualitativo no sistema de iluminación do municipio para lograr ter unha maior calidade lumínica, tanto no centro urbano como nos viarios rurais, e un maior aforro enerxético para avanzar cara unha vila máis sostible.
Así mesmo procederase á renovación das beirarrúas, seguindo o mesmo deseño empregado noutras rúas, homoxeneizando a estética do centro urbano, apostando pola eliminación das barreiras arquitectónicas nun proxecto de pobo máis funcional, no que toda a veciñanza poida moverse sen dificultades. O pavimento do viario, previa limpeza e rego de imprimación, reforzarase mediante unha capa nova de rodadura de mistura en quente.
As obras completaranse coa instalación de mobiliario urbano; bancos, papeleiras e xardineiras, realizadas en madeira de elondo, vernizado especial e accesorios de aceiro inoxidable. Os traballos rematarán coa reposición da sinalización viaria.