As Pontes retoma os Xoves na Biblio con cinco sesións este mes
Arranca de novo o programa Xoves na Biblio das Pontes este mes coa celebración de cinco sesións, que darán comezo este xoves, día 3, co espectáculo Lúa quere viaxar a.... Marte!, de A Xanela do Maxín, dirixida a nenos a partir de 3 anos.
A seguinte cita será o xoves 10, unha representación teatral co título Animaladas a cargo de Teatro Calavera, tamén apta para nenos a partir dos 3 anos.
Continuarán o día 17 con A orixe, de Raquel Queizás, outra actividade dirixida ao público máis novo.
Teatro Ghazafelhos serán o encargado da representación do día 24, co título Monstros no camiño, na que están citados os nenos e nenas maiores de 4 anos.
Concluirán cun obradoiro de Samaín para pícaros de 5 anos en adiante, que será o día 31.
As sesións serán coma sempre, ás 18.00 horas na Casa Dopeso e de balde. Precisa inscrición previa no teléfono 982 102 562.