As Pontes: Sendeirismo Industrial
Hai deseñada unha ruta con dúas opcións de percorrido para coñecer a parte máis industrial da vila
As Pontes conta cun gran patrimonio natural e cultural pero tamén é un dos focos industriais máis importantes da comunidade autónoma e coa finalidade de dar a coñecer este patrimonio e de recordar a historia da industria mineira nace esta Ruta Industrial.
Esta ruta conta con dous percorridos, o primeiro e máis corto ten unha extensión de cinco quilómetros e un total dunha hora camiñando mentres que o itinerario longo suma once quilómetros que se realizan en dúas horas e cuarto aproximadamente e que comparte parte do percorrido co primeiro.
O punto de inicio está situado no Punto de Información Turística dende onde poderemos apreciar o lago creado para dar unha solución ambiental ao oco da mina e que na actualidade é un dos máis grandes de Europa e o máis profundo con 205 metros. A mina a ceo aberto foi explotada nas Pontes durante case setenta anos e cesou definitivamente a súa actividade no ano 2007.
Dende aquí cruzaremos a estrada e iniciaremos o camiño por unha beirarrúa de cor vermello e tras uns minutos camiñando atoparemos a Central Térmica de Ciclo Combinado que deu comezo á súa actividade no ano 2008. Para a súa construción aproveitáronse as instalacións da antiga central térmica de Encaso e funciona utilizando dous combustibles fósiles, o gas natural que chega a través da planta regasificadora de Mugardos por un gasoduto subterráneo e o gasóleo, reservado só para situacións de emerxencia.
A dereita do camiño, neste mesmo punto, pódese observar a antiga maquinaria de máis de corenta metros de altura que se utilizaban para a extracción do carbón. Dende aquí continuaremos o camiño ata chegar a Central Térmica, unha das máis grandes de Europa e que conta coa cheminea máis alta de 356 metros. Esta central foi construída entre 1972 e 1979 e consiste nunha central térmica convencional que produce electricidade a partir de carbón a través de catro grupos de produción enerxética.
Seguiremos o camiño marcado ata atopar o primeiro grupo de vivendas onde teremos que xirar a esquerda para entrar no casco antigo, onde se poden visitar monumentos como a igrexa de Santa María, a Ponte Medieval ou o Muíño de Severiano. Ao final da rúa Real xiramos a esquerda para continuar pola avenida Galicia e tras chegar ao final atoparemos o Poboado das Veigas.
Este poboado foi construído en varia etapas entre os anos 1946 e 1962 e conta cun total de 230 vivendas con capacidade para 1500 habitantes. As instalacións proporcionaban aloxamento aos traballadores e reproducían as xerarquías do traballo xa que había grandes diferenzas entre as vivendas dos enxeñeiros e as dos obreiros. Ademais de vivendas este espazo contaba con numerosos servizos como escolas, centros médicos, capela ou instalacións deportivas e de ocio sendo un espazo autosuficiente. Se continuamos por esta rúa chegaremos de novo ao punto de inicio e será o final da ruta curta.
Se queremos realizar o trazado longo terémonos que desviar ao entrar no casco histórico, na Ponte Medieval, tras cruzala desviámonos na primeira rúa e incorporámonos a unha pasarela de madeira na beira do río Eume. Ao chegar ao final do paseo teremos que subir unhas escaleiras e cruzar a estrada para seguir un camiño de terra ata o muíño e ao rematar o camiño atravesaremos unha ponte para continuar pola marxe dereita do río, deixamos unha ponte sen cruzar e chegaremos a outra pequena de madeira pola que cruzamos e onde a esquerda poderemos observar os poboados do Barreiro e A Fraga.
Construídos entre o 1970 e 1976 para cubrir as novas necesidades de aloxamento ante a gran cantidade de persoas que se trasladaron ás Pontes para traballar na mina de carbón e na Central Térmica. Estímase que entre os anos setenta e oitenta foron máis de cinco mil persoas as chegaron para formar parte da vida das Pontes.
Continuando o camiño pola beira do río chegamos ao Muíño Novo o de Prieto que é coñecido tamén como a fábrica da luz. Esta construción foi o primeiro centro de subministro eléctrico das Pontes instalando entre o 1906 e 1908 unha pequena central sobre o muíño e no que aínda hoxe se conserva a canle de alimentación de auga, o desaugue e a casa das máquinas.
Para rematar teremos que subir unhas escaleiras e percorrer de novo a beirarrúa pintada de vermello que nos levará ata o embalse da Ribeira construído entre 1957 e 1963. Este embalse foi deseñado para regular a canle do río Eume e garantir o caudal de auga ao complexo industrial de Encaso e tamén para evitar as inundacións na vila. Na actualidade este embalse utilízase para realizar deportes náuticos como piragüismo ou vela.
Para rematar a ruta longa será necesario volver polo mesmo lugar ata o casco histórico e continuar as indicacións do itinerario curto ata chegar de novo ao punto de inicio.