As Pontes será sede do Campionato Galego de XCO no mes de xuño

TerraChaXa
A proba supón un importante recoñecemento ao traballo desenvolvido polo club organizador, Club Ciclista Terras do Eume ao longo dos últimos anos
campionato-galego-xco-as-pontes
14 Jan 2026

O Club Ciclista Terras do Eume acollerá este ano o Campionato Galego de XCO, unha cita de primeiro nivel para o ciclismo de montaña en Galicia que se celebrará no Lago das Pontes. Será o 20 de xuño e esta designación supón un importante recoñecemento ao traballo desenvolvido polo club ao longo dos últimos anos e consolida ao municipio como un referente para a práctica deportiva e a organización de grandes eventos.

Tras un longo proceso marcado pola constancia e o esforzo colectivo, a Federación Galega de Ciclismo confirmou a celebración da proba neste enclave, que destaca polas súas condicións naturais e polo seu atractivo para o desenvolvemento de competicións de alto nivel. O Lago das Pontes ofrecerá un escenario privilexiado tanto para os e as deportistas como para o público asistente, contribuíndo ademais á promoción do territorio.

Desde o Club Ciclista Terras do Eume quixeron expresar o seu agradecemento á Federación Galega de Ciclismo pola confianza depositada, así como ás persoas socias, voluntarias e ás entidades colaboradoras que fixeron posible este logro. Entre elas figuran o Concello das Pontes, a Deputación da Coruña, Café Bar Cervecería Calvo, Montes y Fragas, Grupo Canosa, Horbesa, Eumebike, Dromosport e Neumáticos Vilalba.

A celebración do Campionato Galego de XCO nas Pontes preséntase como un dos grandes acontecementos deportivos do ano na comarca, cun impacto positivo tanto no ámbito deportivo como no económico e turístico, e coa motivación engadida de competir “na casa”.

⚙ Configurar cookies
0.075126886367798