As Pontes súmase a un programa para mellorar a empregabilidade das mulleres
No Concello das Pontes comezará, a vindeira semana, o programa Se buscan héroes-Woman Edition para a mellora da empregabilidade e apoio ao emprendedurismo entre as mulleres, menores de 30 anos, do municipio.
Este programa, organizado pola Fundación Equipo Humano, co apoio da Fundación Incyde e a confinanciación do Fondo Social Europeo, busca, en palabras da concelleira de Emprego, Ana Pena “contribuir a loitar contra a fuga de talento, a desmotivación e a alta taxa de desemprego xuvenil e feminino a través da formación para alcanzar unha mellor integración das participantes no mercado laboral actual e, asemade, facilitar o emprendedurismo e o lanzamento de novos proxectos empresariais na nosa vila”.
O obxectivo desta iniciativa é deseñar e executar itinerarios integrais de emprendemento e procura de emprego para 15 mulleres nos que se inclué formación en metodoloxías de innovación e desenvolvemento persoal.
A través destes itineraios tamén se traballarán aspectos necesarios para mellorar as súas competencias profesionais e incrementar a súa empregabilidade, tales como a creatividade, a empatía, organización, traballo en equipo, adaptabilidade ou preseveranza.
Serán 75 horas de formación en sesións presenciais nas que se afondará en cuestións como a creación da marca persoal, economía circular, finanzas persoais e empresariais, networking ou habilidades de comunicación, que se completarán con 50 horas de formación online nas que se empregará a metodoloxía Lean StartUp como base para a creación dunha empresa ou a procura eficaz de emprego.
Unha vez finalizado o itinerario, as participantes terán acceso a 15 horas de orientación e mentorización individualizada en materia de emprendemento para desenvolver unha idea de negocio con maiores garantías e impulsar a súa empregabilidade.
Por outra banda, durante a duración de toda a acción formativa, un equipo de profesionais ocuparanse de realizar prospección laboral para achegar diferentes ofertas de emprego ás participantes.
As mulleres interesadas en participar nesta acción formativa poden inscribirse, ata o xoves, 17 de outubro, e solicitar máis información en http://www.sebuscanheroes.es/