As Pontes tínguese de negro contra as violencias machistas
As Pontes tinguirase, ata o 25 de novembro, de negro co obxectivo de sensibilizar á veciñanza con respecto á situación de violencia que sofren, cada día, as mulleres en todo o mundo.
O Concello súmase así, por segundo ano consecutivo, á campaña En Negro Contra as Violencias, na que participan 102 concellos galegos e tres deputacións, na procura dunha resposta unánime de toda a sociedade contra esta problemática que poña de manifesto, publicamente, o seu rexeitamento a todas as formas de violencia contra as mulleres.
O goberno local, a través da Concellería de Benestar Social, programou un conxunto de actividades dirixidas a conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra o domingo, 25 de novembro, e a concienciar ós ponteses e ás pontesas sobre esta realidade, convidándoos a amosar a súa repulsa ante calquera tipo de violencia de xénero.
As accións comezaron a semana pasada coa instalación de pancartas, cos lemas da campaña, nos edificios municipais e co reparto de materiais, entre os diferentes establecementos, comerciais e hostaleiros, asociacións, clubs deportivos e entidades socioculturais adscritas á iniciativa As Pontes en Negro, cos que vestirán de loito os seus escaparates e locais en sinal de rexeitamento e dor por todas as mulleres que sofren a violencia machista. Entre o material que se repartiu hai carteis, gardamanteis, bolsas pregrables e camisetas.
O venres, 23 de novembro, ás 09:00 horas, os alumnos do obradoiro Pontes de Emprego III recibirán unha charla dirixida á prevención e a sensibilización sobre a violencia de xénero co obxectivo de crear, entre os mozos e as mozas do municipio, unha actitude de tolerancia cero cara calquera tipo de agresión contra as mulleres. Asemade, ás 17:30 horas, no local social A Xanela lavarase a cabo outra charla informativa na que se abordará a violencia desde a perspectiva do xénero.
Ese mesmo día, entre as 10:00 e as 12:00 horas, a concelleira de Benestar Social, Isabel Fornos , e membros do Centro de Información á Muller (CIM) acudirán ó Mercado Municipal para repartir, entre a veciñanza, material da campaña.
Tamén o venres, ás 12:00 horas, terá lugar un acto institucional no salón de plenos do Concello de As Pontes no que representantes do goberno local e empregados municipais lerán un manifesto en contra da violencia de xénero.
Desde o Concello animan a todos os ponteses e pontesas a participar neste acto e invítanos a que acudan vestidos de negro ó salón de plenos municipal para amosar a súa condena a este tipo de actos así como o seu respaldo ás mulleres vítimas de violencia de xénero, recordando que “a violencia contra as mulleres non debe entenderse como un problema das mulleres, é a manifestación máis clara da desigualdade que existe entre homes e mulleres, o maior obstáculo para o desenvolvemento dunha sociedade xusta e igualitaria na que están garantidos os dereitos de todos os seus membros”.
Por outra banda, o mércores, 28 de novembro, ás 19:30 horas, na Casa Dopeso continuará o programa de charlas co relatorio “Mulleres que escriben, mulleres que len, mulleres poderosas” a cargo de Aurora Marco que abordará o papel da muller no ámbito da investigación.
As actividades rematarán o 30 de novembro, ás 12:00 horas, coas alumnas do obradoiro de emprego Eume II, de atención sociosanitaria no domicilio, que recibirán unha charla informativa e de sensibilización sobre a violencia machista.