As Pontes traballa con 23 familias no servizo de atención temperá
O Concello das Pontes a través do seu servizo de atención temperá, posto en marcha no ano 2019, presta atención individualizada a 23 crianzas, menores de 6 anos, da vila co obxectivo de facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e promover a súa inclusión social.
Tania Pardo, concelleira de Benestar Social, resalta a importancia dun “servizo imprescindible para as familas que se enfrontan a un diagnóstico non esperado no desenvolvemento do bebé. A través do servizo de Atención Temperá tratamos de ofrecerlles unha mellor calidade de vida e maiores oportunidades de futuro, buscando que cada neno e nena teña o mellor comezo da súa historia persoal”
O servizo de atención temperá está dirixido a nenos e nenas de 0 a 6 anos que durante período pre, peri ou postnatal, estiveran sometidos a situacións que puidesen alterar o seu proceso madurativo, como pode ser a prematuridade, baixo peso, a anoxia ao nacer, ou calquera outro factor ou signo biolóxico de risco, así como a menores que presenten retardo ou calquera factor ou signo biolóxico de risco ou discapacidade física, psíquica ou sensorial e menores en situación de risco ou desamparo, sempre que alteren o proceso madurativo.
A través deste programa, que inclúe os servizos de logopedia, terapia ocupacional e psicoloxía, os nenos e nenas que presentan transtornos no desenvolvemento ou teñen riscos de padecelos, reciben, segundo un modelo que considera aspectos biopiscosociais, unha atención que, desde a vertente preventiva e asistencial, potencia a súa capacidade de desenvolvemento e benestar, posibilitando a súa integración no medio familiar, escolar, social así como a súa autonomía.
O servizo de logopedia comprende o diagnóstico e valoración individualizada dos/das menores, o tratamento, orientación e seguimento de cada uno dos casos así como a coordinación cos recursos comunitarios e actuacións de prevención primaria, traballándose na área da comunicación e as súas alteracións coa finalidade de mellorar a linguaxe, a fala, a voz e deglutición.
Desde o ámbito da terapia ocupacional intervense nos aspectos relacionais, lúdicos e funcionais, sendo obxecto deste servizo a intervención coas familias e os/as menores no proceso de rehabilitación nas actividades da vida cotiá, incluíndo o diagnóstico e valoración individualizada, o tratamento, orientación e seguimento así como atención individual e familiar para dotar ás familias de pautas a aplicar co fin de conseguir condutas estimuladoras e educativas.
O servizo de psicoloxía está orientado a ofrecer unha atención integral en todas as áreas do desenvolvemento da poboación infantil, centrándose en aspectos de carácter cognitivo, social, emocional, motor, conductual e da comunicación, permitindo a intervención psicolóxica con familias e menores de 0 a 6 que presentan trastornos de desenvolvemento ou risco de padecelos, levar a cabo un diagnóstico e valoración individualizada. Inclúe ademais tarefas de Información, asesoramento e apoio á familia para ofrecer pautas de actuación co/coa menor, dinámicas familiares e recursos externos que favorezan o desenvolvemento e a calidade de vida das familias.