As Pontes únese ao apagón con motivo do Día do Medio Ambiente
A acción convocada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade polo Día do Medio Ambiente encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’.
As Pontes, xunto con 22 concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade únese este sábado, 5 de xuño, ao “apagón” convocado pola entidade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente.
Así, a partir das 23 horas, suspenderase a iluminación pública de consistorio co obxectivo de concienciar sobre o aforro de enerxía e sobre o impacto ambiental que supón producila Esta acción encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático.
Elena López, concelleira de consumo no Concello das Pontes remarca que “tanto as institucións como a cidadanía podemos tomar medidas neste senso, como empregar o transporte público ou a bicicleta, elixir aparellos de baixo consumo, programar unha temperatura racional no fogar, encher ben a lavadora e o lavalouza ou apagar as luces e dispositivos como o ordenador cando non os utilicemos. En xeral, consumir menos e facelo dun xeito responsable para contribuír a combater a emerxencia climática e, polo tanto, a protexer os ecosistemas, que é o tema no que este ano se centra o Día Mundial do Medio Ambiente, baixo o lema ‘Reimaxina, rexenera, restaura’.
Xunto co “apagón” proposto polo Fondo Galego, dentro do proxecto ‘People and Planet’ o Concello instalará diversos totems informativos diante da casa consistorial con obxectivo de dar a coñecer entre a cidadanía os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.
Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido uns 170 proxectos en 32 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.