As Pontes, Vilalba e Meira lideran as celebracións da noite de San Xoán
AS PONTES
A Concellería de Cultura do Concello das Pontes celebra a cuarta edición da Noite Meiga este xoves, 23 de xuño, a partir das 20:00 horas, no Canal IV.
Entre as actividades programadas destacan un obradoiro infantil, para nenos e nenas de ata 12 anos de caracterización de bruxos e meigas, pintacaras e xogos.
Así mesmo a veciñanza e as persoas visitantes poderán gozar do espectáculo de rúa itinerante e participativo, A noite das boas meigas no que se mesturarán disciplinas como a maxia, os malabares e o teatro, facendo ao público protagonista.
A celebración continuará cun primeiro pase do Grupo Assia, ata ás 23:30 horas, momento no dará comezo un ritual para encender a fogueira de San Xoán. A partir das 00:30 horas volverá a música do Grupo Assia e a celebración rematará coa actuación do DJ Manu Chady.
Por outra banda, como en anos anteriores, a partir das 20:30 horas dará comezo unha sardiñada popular a un prezo de 10 euros por persoa.
VILALBA
A vilalbesa Asociación Cultural de Veciños do Campo de San Xoán recupera as festas na honra do seu patrón e presenta o programa que se desenvolverá durante dous días.
A celebración dará comezo o propio xoves 23 co concerto do grupo Buxos Verdes, a partir das 20.00 horas, que fará un pasarrúas polos arredores e rematará cun concerto final na praza.
Ás 22.30 horas terá lugar o pregón das festas, que estará ao cargo de María Xosé Lamas, que dará paso á representación da Escola Municipal de Tetro co encendido do lume coa tirada de bola.
Finalmente, ás 00.15 horas terá lugar o concerto de Nuevo Plan, conxunto que versiona o rock español dos anos 80 e 90
O propio día de San Xoán, 24 haberá programación para os máis pequenos. A partir das 17.30 horas está previsto por unha parte unha actuación de títeres de Trecola Producións, co título Show do Barrallocas e tamén un mini concerto de Corredores de Sombras.
MEIRA
Meira recuperará este verán a maior parte das súas citas anuais e comezaron por celebrar o día 19 de xuño as tradicionais comuñóns e novamente volverá haber alfombras florais para comemorar dito evento.
Ademais, recupérase tamén este ano a celebración do San Xoán, na tarde noite do día 23. A partir das 20.00 horas os veciños da localidade están invigados a degustar unha sardiñada e unha torreznada que se celebrará na praza Maior, animados pola músioca do grupo Loubán. A fogueiras serán novamente as protagonistas desta celebración.
CASTRO DE REI
A Asociación Amigos da Feira de Castro de Rei celebrará este xoves, 23 de xuño, a partir das 22.00 horas, a noite de Lume Novo, unha festa que se recupera coa organización dunha churrascada no polideportivo de Castro de Rei.
A actividade será gratuíta para os socios, que poderán levar un acompañante pero tamén poden acudir os que o desexen cun custe de 10 euros por persoa. Os nenos maiores de 10 anos pagarán a metade e os menores desa idade será gratuíto.
POL
O colectivo Lecer de Gamelle, celebrará este xoves 23, ás 21.30 horas unha xuntanza para festexar o Lume Novo.
Está prevista unha churrascada con música e baile arredor da fogueira na Escola de Cirio que terá un prezo de 19 euros.