As Pontes vive as súas patronais
As Pontes está de festa estes días coa celebración das festas do Carme e a Fraga, dúas celebracións diferentes que se unen nun programa festivo que conta cunha ampla programación e que combina as actividades culturais coas deportivas.
A Concellería de Cultura elaborou un amplo programa con moitas actividades, pensadas para todas as idades, que arrincou xa o 12 de xullo e que se prolongarán ata o 25.
O programa do día 12 comezou co concerto Son As Pontes, un festival de música clásica. E tamén deron comezo as sesións de cine ao aire libre coa proxección de títulos para todos os públicos como Campeones e Jurassic World 2. Hotel Transilvania e Bohemian Rapsody serán o mércores e xoves, ás 22:30 horas, no poboado da Magdalena e na praza do Conservatorio.
Ademais os máis pequenos da vila, poderán desfrutar da biblioteca na rúa, gracias a Parque Activo, do 18 ao 23 de xullo, en horario de 11:30 a 14:00 e de 18:00 a 20:30 horas nos xardíns do Campo da Feira.
O venres 19 darán comezo as festas patronais de xeito oficial, e comezarán co xantar organizado polas Carmes das Pontes ás 14:30 horas, e ás 20:00 será a misa e a ofrenda floral, para dar paso á lectura do pregón, que nesta ocasión correrá a cargo da familia Tojeiro: Roberto J. Tojeiro Rodríguez, Roberto Tojeiro Peleteiro e Ana Tojeiro Rego; unha familia de orixe Pontés de onde arrincaron as súas principais liñas empresariais. Máis tarde será a actuación do grupo Black Jack na rúa Ramón Cabanillas e as actuacións das orquestras Panorama e Gran Parada na praza do Carme.
O sábado, 20 de xullo, xa pola mañá haberá pasarrúas, e ás 13:00 horas haberá un concerto a cargo da Banda de Música das Pontes no Patio do colexio Santa maría, e media hora máis tarde comezará a sesión vermú co Dúo Suso.
Xa pola tarde o Mago Teto fará unha pequena mostra con 4500 anos da incrible historia da maxia, e ás 21:00 horas voltará a quenda da misa na honra da Virxe do Carme, seguida da procesión nocturna que estará acompañada das bandas de Música das Pontes e da de Gaitas da Escola Municipal.
Na praza do Hospital coincidindo co descanso da procesión, haberá un espectáculo piro-musical na honra da Virxe do Carme.
Pola noite, ás 23:30, haberá unha actuación do grupo Mártires del Rock na rúa Ramón Cabanillas, e o 1980 Pop Festival que contará con con Javier Gurruchaga (Orquestra Mondragón) Alejo Stivel (Tequila) e Miguel Costas (Siniestro Total) acompañados da banda Nuevo Plan Big Band. Despois pechará a noite a orquestra New York.
Xa o domingo 21, ás 12:00 horas será a solemne celebración da Eucaristía cantada pola Agrupación Coral Endesa e a continuación a procesión coa subida da Virxe do Carme e os acompañamentos musicais da Banda de Música Maestro Lupi de Benavente e a Banda de Gaitas Alfaia. Ás 19:30 celebrarase o XXIII Certame de Bandas no Auditorio Municipal e nel participarán agrupacións musicais chegadas de Touro e Benavente. E xa pola noite será a actuación do grupo Los Alcántara e as orquestras Trébol e Satélites.
O luns 22 haberá unha sesión vermú co grupo D’Vicio e xa pola tarde hai programada unha festa infantil con inchables, xogos e unha festa da escuma para o goce dos máis pequenos da localidade e, pola noite, poderase presenciar unha nova edición do Festival Folclórico Internacional que será no pavillón municipal e contará con ASDRi Ualanegli de Italia; Ballet Folclórico Aborigen de Uruguay; Corporación artística Soy del Perú de Perú; Conxunto Kineso de Eslovaquia; Grupo de Baile Tradicional Alxibeira de Narón e a Banda de Gaitas da Escola Municipal das Pontes.
Pola noite a verbena estará amenizada polas orquestras París de Noia e Claxxon, que actuarán na praza do Carme.
O mércores 24 será o festival Folk da Fraga con Boj, A Banda Shangai, Kolme Katu e The Skarnivals.
Xa por último o xoves 25 chegará a Romaría da Fraga, que comezará coa misa e a sesión vermú coa orquestra Pontevedra. Ao longo da xornada haberá unha actuación do grupo de batucada Batería do Cariño e ao longo da tade, na carballeira, será a actuación da charanga Os Charangos.
Ás 22:00 horas comezará o apartado musical cos grupos Malditos Pendejos, Los Inhumanos ou a verbena coa orquestra Pontevedra.
ACTIVIDADES DEPORTIVAS. O deporte ocupa unha gran parte da actividade vinculada ás celebracións malia que as probas dan comezo sempre antes das datas propias da celebración, que comprenden do 19 ao 25 de xullo.
Este ano, dentro da actividade deportiva contémplase o torneo de tenis de mesa, os campamentos ecuestres, a quedada moteira, o maratón de fútbol sala, o de fútbol, así como os de xadrez, baloncesto ou as probas de resistencia de fama internacional Samurai Xtreme Race e Samurai Júnior Race.