As Pontes vivirá esta fin de semana unha nova edición da Feira de Fungos e Cogomelos

TerraChaXa
Destaca un programa con propostas micolóxicas, gastronómicas e culturais.
Showcooking-Pepe-Solla-2019-as-pontes
29 Out 2024

A Feira de Fungos e Cogomelos das Pontes celebra, esta fin de semana, a súa XXXIV edición cun programa de actividades no que destacan as propostas micolóxicas, gastronómicas e culturais.

A través desta cita, imprescindible no calendario de outono das Pontes, o Concello busca poñer en valor os produtos do monte e as súas potencialidades, centrándose no seu aproveitamento gastronómico e no seu papel como motor económico e como elemento impulsor do turismo.

A celebración comezará o sábado, 2 de novembro, ás 09:00 horas cunha saída micolóxica ao monte, da man do cociñeiro, Antonio Díaz na que se identificarán cogomelos con valor gastronómico. Os exemplares recollidos exporanse, a partir das 17:00 horas na carpa situada na Praza de América.

Ás 10:00 horas dará comezo, nunha carpa situada na Rúa Alexandre Bóveda, o mercado de produtos no que o público asistente poderá adquirir fungos e cogomelos, produtos alimentarios de tempada e produtos de artesanía, entre outros. O mercado estará aberto o sábado ata as 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas e volverá abrir as súas portas o domingo, das 10:00 horas ata as 19:00 horas, en horario ininterrompido.

Na Rúa Ramón Cabanillas, durante toda a fin de semana, sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas e o domingo de 10:00 a 19:00 horas, haberá unha zona destinada á artesanía na que o público poderá participar en actividades dirixidas pola Asociación Amigos da Madeira das Pontes.

A xornada da mañá estará amenizada polo pasacalle do grupo de música tradicional No Cómbaro, que encherán de música ás rúas do centro urbano, a partir das 11:30 horas e a actuación do grupo Os Vintafonistas, a partir das 13:30 horas, na Rúa Ramón Cabanillas. En horario de tarde, a partir das 19:00 horas, será a quenda para un pasacalle a cargo do grupo local Canavella.

A xornada do domingo comezará ás 09:00 horas, na carpa instalada na Praza de América, coa recepción das persoas participantes no concurso de cestas da Feira de Fungos e Cogomelos. O fallo do xurado coñecerase sobre as 12:00 horas e repartirase un 1º premio de 400 euros, un 2º premio de 200 euros, un 3º premio de 150 euros, un 4º premio de 100 euros e un 5º premio de 75 euros. Ademais haberá un premio especial xuvenil valorado en 75 euros e un premio especial de 400 euros.

A continuación, ás 12:30 horas, farase entrega dos premios do concurso de carteis, convocado entre o alumnado de Educación Infantil e Primaria do municipio, e que serve para ilustrar a edición deste ano.

Por outra banda, ás 10.30 horas, na praza de América dará comezo un showcooking, aberto á participación do público adulto, da man de Gabriel Quispe, cociñeiro gañador da primeira edición do concurso de Mellor cociñeiro de Cogomelos na que os fungos e os cogomelos serán os principais ingredientes en diferentes propostas culinarias. Ás 13:00 horas haberá un novo showcooking dirixido ao público infantil. Para ambos obradoiros é preciso inscribirse no teléfono 604 047 337

A partir das 13:00 horas, ao igual que nas edicións anteriores, veciñanza e persoas participantes poderán probar un menú degustación, composto por dous pratos e unha sobremesa. O menú, elaborado por Miguel Mosteiro, de Castrolab Arousa, terá un prezo de 20 euros e estará composto por empanada de millo de cogomelos e mexillón de Aousa, faba de Lourenzá con shitakes ecolóxicos e chourizo de porco celta, arroz meloso con coello e cogomelos e como sobremesa, requeixo do Eume e mel de Goente, o menú inclúe pan e bebida. Os tíckets estarán á venda, a partir das 11:00horas, nunha caseta instalada á entrada do patio do Colexio Santa María e haberá servizo para levar.

A xornada do domingo estará amenizada polo grupo de música tradicional Axouxeré que encherá de música ás rúas do centro urbano, a partir das 12:30 horas e a partir das 13:30 horas será a quenda para a actuación dos Festicultores Troupe.

A XXXVI edición da Feria de Fungos e Cogomelos rematará ás 19.00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi co monólogo Tiquismiquis; Un show de stand up mesturado con pílulas de crowdwork (improvisación), con rarezas, exquisiteces e desdichas. As entradas están a venda en https://aspontes.sacatuentrada.es/

0.20029187202454