As Pontes volveu manifestarse reclamando un plan industrial
"Cantos despedimentos máis e canto emprego máis se ten que destruír para que os gobernos actúen?". Esa foi a pregunta que lanzou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ao inicio da manifestación na Praza do Carme coa que a central nacionalista dá continuidade ao calendario de mobilizacións "ante a falta de alternativas á perda do tecido económico e os postos de traballo, e que incluíu á convocatoria dunha folga xeral en novembro de 2023 na que o pobo das Pontes saíu masivamente á rúa".
Cualificou As Pontes como "a zona cero" do desmantelamento industrial que padece o país fronte ao que reclamou dos Gobernos que poñan en marcha un plan que garanta a reindustrialización e a creación de emprego -de igual xeito que se fixo co plan de desenvolvemento de 1997-, que se cree chan industrial, que se materialicen xa os proxectos tan publicitados, que os fondos públicos destinados á transición xusta "sexan unha realidade" e que se reasignen os 1469 MW que estaban ocupados pola central de Endesa.
Criticou a desaparición "inexplicábel e inaceptábel" da capacidade de evacuación á rede, cando o propio Miteco identificou esta capacidade como unha "fortaleza e oportunidade" para a instalación de novos proxectos industriais nas localidades afectadas polos procesos de descarbonización da economía. Por iso, Carril reivindicou a convocatoria inmediata do concurso de transición xusta no nó das Pontes, mantendo os 1469 MW, e incorporando todas as obrigas correspondentes á poxa pública.
"Sobre os múltiples proxectos anunciados publicamente para As Pontes ao longo destes anos, o último informe da Consellaría de Economía e Industria constata que, aínda que xa deberían estar en execución e implantación, apenas teñen avanzado e todos seguen estando en fase de tramitación. A chea de empregos que se anunciaba coas plantas de hidróxeno, a fábrica de pneumáticos, a de biofibra, o centro de hidróxeno e amoníaco, as centrais hidroeléctricas reversíbeis ou incluso unha planta de acuicultura, segue a ser unha promesa sen concreción real", denunciou o secretario xeral da CIG.
Nesta liña, criticou que ao tempo que a estratexia de transición xusta ten evidenciado o seu fracaso en termos de alternativas á destrución de emprego e ás perdas socioeconómicas derivadas dos peches das centrais térmicas, "Endesa, co apoio dos distintos Gobernos, xa encetou o desmantelamento da central, deixando atrás un regueiro de despedimentos e traslados forzosos, e actúa impunemente sen asumir ningún tipo de responsabilidade social e territorial, mentres segue facendo caixa a conta de espoliar os nosos recursos".
Por iso, Carril chamou a manter e intensificar a mobilización social "como único camiño para obrigar o Goberno estatal, á Xunta de Galiza e ao Concello a rachar co seu silencio cómplice e adoptar actuacións concretas que doten As Pontes dun futuro digno".