As praias galegas contan cunha ferramenta para consultar a información xeográfica

TerraChaXa | LugoXa
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de activar esta mesma semana unha nova funcionalidade dentro do visor telemático do Instituto de Estudos do Territorio (IET) que permite localizar e consultar información sobre todas as praias da comunidade.
pinturarapida_portada
10 Xul 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de activar esta mesma semana unha nova funcionalidade dentro do visor telemático do Instituto de Estudos do Territorio (IET) que permite localizar e consultar información sobre todas as praias da comunidade.

A través desta ferramenta dixital, ofrécese información xeográfica detallada de cada un dos 960 areais incluídos no Catálogo de Praias de Galica, que suman máis de 18,75 millóns de metros cadrados de superficie. Deste xeito, premendo na icona do parasol na parte superior do visor, pódense obter datos sobre a superficie de cada areal e outra información de interese, como a súa localización, categoría ou o concello ao que pertence.

Ademais, tamén se incorporou un distintivo para identificar sobre o mapa as 107 praias galegas que recibiron este ano unha bandeira azul, galardón que concede a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) en recoñecemento á excelente calidade das augas, aos servizos dispoñibles e á boa xestión destes espazos, converténdose nunha etiqueta ambiental universalmente coñecida e valorada por turistas e tour operadores.

Desde o 1 de xullo todos estes datos están a disposición de calquera persoa interesada, aínda que pode resultar unha ferramenta especialmente útil para os concellos. Neste sentido, cómpre lembrar que as entidades locais son as responsables da xestión das praias e que este verán a seguridade sanitaria vai ser un factor esencial nestes espazos, o que obrigará a respectar as distancias de seguridade establecidas por mor da Covid-19.

0.15247011184692