As reclamacións da oposición e a renuncia de Daniel Paz, focos do pleno de Cospeito

TerraChaXa
As preguntas e rogos do PSOE e do BNG de Cospeito volveron centrar a celebración do pleno deste xoves no que Daniel Paz renunciou
pleno cospeito erimsa
28 Xan 2022

As preguntas e rogos do partido socialista e do BNG de Cospeito volveron centrar a celebración do pleno deste xoves no que o concelleiro Daniel Paz leu un comunicado para explicar a súa baixa do equipo de Goberno.

Ambos partidos da oposición volveu insistir ante o equipo de Goberno de Cospeito en varios dos temas tratados nas sesións anteriores. Así, o PSOE insistiu na necesidade de hacer unha intervención de urxencia na consulta do centro de saúde Feira do Monte mentres esperan a intervención do Sergas.

Así mesmo, a voceira Rosa Morán insistiu na necesidade de actuar nas vías do Concello. “Entendemos que non se pode facer todo ao mesmo tempo pero hai anos que non se bachea en condicións e a xente quéixase, e con razón, continuamente”, explicou para engadir que “non son cousas tan difíciles e as vías son un desastre”.

Os socialistas e nacionalistas preguntaron tamén polas alegacións ao parque eólico Ruliña e o alcalde, Armando Castosa, explicoulles que non se presentaron pero que contan cun informe negativo da Xunta sobre estes proxectos.

Respecto ás axudas a empresarios pola covid, os dous partidos na oposición constataron que un negocio quedou fóra das axudas malia cumprir cos requisitos porque non foi suficiente o orzamento destinado a esta acción para cubrir a demanda. “Parécenos inxusto que quede un fóra, trátase de mil euros e cremos que o Concello debería atopar unha solución para que este único solicitante non quede sen cobertura”, dixo Rosa Morán.

Yolanda García, a voceira nacionalista, insistiu en “abrir outra liña ou destinar fondos doutro xeito para que poda recibir o apoio económico o mesmo que o resto tal e como se falara no pleno no que se aprobaron”.

O PXOM tamén volveu se tema das queixas, alegando que seguen sen información sobre como está a situación co cambio da empresa. Morán afirmou que seguen esperando a convocatoria da mesa de urbanismo, “que xa se ía facer antes de Nadal e aquí estamos, sen noticias” e Yolanda García puntualizou que “hai que ver se toda a documentación da anterior empresa quedou no concello para pasar a diposición da nova”.

Dende o oposicion afirman que “necesitamos que Cospeito avance, que mellore e colla impulso. Nós estamos aquí para axudar pero parece que non se soluciona nada”.

Dende o BNG preguntaron sobre as bonificacións do ICIO ás construcións que instalen paneis solares, unha das propostas este partido en anteriores plenos e que segue en estudo sobre a súa vialiblidade sobre como dirixir a subvención

Tamén preguntou de novo polos marcos e a titularidade dos terreos da planta de compost, unha cuestión que levaron a pleno debido a unha queixa veciñal e que o Concello explicou que se trataba dun erro no catastro que a empresa está a arranxar.

DANIEL PAZ

O pleno finalizou coa comunicación oficial da renuncia do concelleiro de deportes, feiras, mercados, festas e participación cidadá, Daniel Paz, quen fixo un comunicado para explicar a súa saída do Goberno local.
Afirmou que se trata “dunha interrupción temporal por razóns persoais” e asegurou que non houbo incompatibilidades co equipo de Goberno. Así mesmo non descartou seguir traballando na política.

Os membros dos grupos da oposición dedicáronlle palabras de ánimo e desexáronlle sorte na súa nova andaina. Felicitacións e desexos aos que se sumou o alcalde.

Rosa Morán asegurou que “non entramos a valorar esta renuncia, desexámoslle sorte, pero o que si vemos é que en todos os sitios cócense fabas”.

0.14495611190796