As reformas no colexio Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo logran reducir o consumo enerxético
As reformas no colexio Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo logran reducir o consumo enerxéticoAs obras de rehabilitación integral que a Xunta de Galicia levou a cabo no Colexio de Educación Infantil e Primaria (Ceip) Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo lograron reducir o consumo enerxético das instalacións nun 47,4% e as emisións contaminantes de dióxido de carbono nun 40,12%.
Así o confirmou o delegado territorial, Javier Arias, durante unha visita ao centro para comprobar o resultado da intervención, que contou cun investimento de 623.600 euros por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Arias explicou que o maior aforro enerxético se produce no gasto en calefacción, logo de que se levaran a cabo traballos como a instalación dun sistema de illamento nas fachadas, no forxado baixo cuberta e noutros puntos do edificio, e a substitución das ventás por outras de maior estanquidade ao aire e resistencia térmica, incluíndo as caixas das persianas. Igualmente, redúcese o consumo de electricidade ao cambiar as luminarias existentes por equipos de alta eficiencia enerxética, con detectores de presenza nas zonas comúns.
No tocante á accesibilidade, instalouse un ascensor para subir a planta alta, ocupando parte dos aseos e obrigando polo tanto á súa redistribución e renovación. O proxecto tamén incluíu outras actuacións, como o derrubamento dunha edificación auxiliar de planta baixa que estaba adosada ao edificio principal e á que non se lle daba uso ningún, mellorando notablemente a imaxe do conxunto. Tamén se ampliou o ximnasio e puliuse o pavimento de terrazo en distintas zonas. No interior, colocáronse falsos teitos, pintáronse os paramentos e lacáronse as portas.
Arias lembrou que o Goberno galego está a “desenvolver unha programación de obras de mellora en centros públicos orientadas a poñer a disposición de profesorado e alumnado instalacións máis inclusivas, confortables e eficientes”.
Neste sentido, apuntou que a Consellería incrementou este ano en 30 millóns de euros o orzamento previsto inicialmente para obras, ata alcanzar os 51 millóns de investimento, coa intención de contribuír ao mantemento do emprego no sector da construción no actual contexto derivado da pandemia.