As rúas de Foz acollerán mañá unha homenaxe aos que traballan estes días

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
As rúas de Foz acollerán mañá, martes, a partir das 19:45 horas unha homenaxe a todos os que están traballando estes días.
7 Abr 2020

As rúas de Foz acollerán mañá, martes, a partir das 19:45 horas unha homenaxe a todos os que están traballando estes días. Anunciouno o alcalde focense, Fran Cajoto, que ademais avisa que as fontes públicas do municipio foron pechadas.

“Desde o Concello de Foz queremos animar a todos e todas os veciños e veciñas, especialmente do casco urbano, á que saian ás súas ventás, aos seus balcóns ou ás súas terrazas (á rúa non porque non se pode) para animar e dar un aplauso forte este martes porque imos ter á Policía Local, a Protección Civil, a bombeiros, … a todos os medios que están traballando por nós coas súas sirenas animándonos. É importante tamén visualizar o apoio aos sanitarios, aos equipos de limpeza, aos de recollida de lixo, ao persoal dos supermercados, ás forzas de seguridade que están todos os días nas rúas protexéndonos para que non nos contaxiemos, etcétera. Entón o que necesitamos é un aplauso forte durante ese percorrido polas principais rúas de Foz que vai rematar diante da Casa do Concello ás oito da tarde. Escoitar eses aplausos, incrementados ademais polo son da rula, que se oe todos os días a esa hora, vai ser emocionante. Así que non vos esquezades de saír ás ventás e apoiar con eses aplausos”, explicou o rexedor municipal focense.

Fontes pechadas

Por outra parte Fran Cajoto engadiu: “seguimos coa crise sanitaria do COVID-19 e tamén nese sentido quero avisar que emitimos un bando da Alcaldía en base ao requirimento da Xunta de Galicia, que a través da súa Consellería de Sanidade, indicaba que no caso de que fora posible había que deixar as fontes públicas sen funcionamento e adoptar as medidas correspondentes para evitar o acceso ás mesmas, para evitar os contaxios. Entón a partir de agora e durante a vixencia do estado de alarma, ata que se indique o contrario, as fontes públicas non se poderán utilizar e haberá que usar a auga, como de forma habitual, da rede de abastecemento municipal”.

0.19837999343872