As San Lucas de Mondoñedo reunirán varias músicas das nacións celtas
O Salón de Actos da Deputación de Lugo acolleu a presentación da 863 edición das San Lucas de Mondoñedo, que conta cunha achega de 20.000 euros da Área de Cultura, Patrimonio Histórico e Normalización Lingüística.
O presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Souto, subliñou que As San Lucas seguen a manter o espíritu tradicional coa feira cabalar e mais o mercado de produtos de outono pero o programa compleméntase con actividades culturais, literarias e musicais.
A feira, que terá como pregoeiro ao dramaturgo e actor Manuel Lourenzo, comezará o 17 de outubro coa chegada das reses á cidade a través da Praza da Catedral, “un feito singular e único que cada ano concita a máis público e que supón tamén unha homenaxe aos gandeiros que están todo o ano coidándoas e facendo unha importante labor medioambiental”, segundo destacou Souto.
A gran novidade da programación será a celebración do Festival Intercéltico o día 19 de outubro, coas actuacións do grupo bretón Gwendal, do irlandés Lúnasa, do gaiteiro asturiano Bras Rodrigo e de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.
“Queremos facer das San Lucas, de Mondoñedo e da provincia, unha feira máis europea, máis atlántica e máis internacional con este encontro de músicas e tradicións das nacións celtas”, apuntou Souto.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, remarcou que “é obriga das administracións colaborar con estas festas tradicionais que mostran a nosa esencia como pobo”.
No acto tamén participaron a deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade, a mariñá Mónica Freire, a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia. No Salón de Actos da Deputación tamén estiveron Eloi Cabanas e Esperanza González, voceiros de BNG e PsdeG no concello de Mondoñedo e mais o cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa.