As Tanxugueiras actuarán este venres en Vilalba

TerraChaXa
A revolución da música tradicional galega regresa esta fin de semana a Vilalba.
As Tanxugueiras actuarán este venres en Vilalba
11 Mar 2020

A revolución da música tradicional galega regresa esta fin de semana a Vilalba. Tanxugueiras, o trío de pandereteiras conformado por Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, dará a coñecer ao vivo este venres 13 en Vilalba o seu segundo disco, Contrapunto, un álbum sen corsés no que o grupo explora os lindes da música tradicional e canta á liberdade e ao empoderamento da muller.

A actuación, enmarcada na xira de presentación deste segundo traballo discográfico, terá lugar a partir das 20.30 horas no Auditorio Carmen Estévez. Será un directo rebordante de enerxía, acompañado dun xogo de luces e dunha coidada posta en escena, no que Tanxugueiras pretende implicar ás e aos asistentes nos relatos que transmiten as cancións do novo disco. Así, o grupo fará un percorrido singular por Contrapunto co obxectivo de levar o público da intimidade á euforia. As entradas para a cita, apta para públicos de todas as idades, están dispoñibles no web do grupo, www.tanxugueiras.com, e na plataforma www.ataquilla.com.

Contrapunto 

Co seu primeiro traballo, Tanxugueiras, as artistas percorreron máis de 100 escenarios e iniciaron unha proxección internacional que as levou a actuar na India, en Suíza, en Cuba ou Escocia. Agora, con Contrapunto, disco finalista dos XII Premios MIN de la Música Independiente na categoría Mellor álbum galego (cuxa cerimonia terá lugar mañá, mércores 11, no Teatro Circo Price de Madrid), as pandereteiras buscan expandir novos horizontes na música tradicional galega.

Neste segundo álbum, no que Aida, Olaia e Sabela asumiron a definición artística e musical coa colaboración do percusionista Isaac Palacín, Tanxugueiras plasma a evolución do seu sentir musical nun traballo que contén un relato maduro, cheo de matices e renovador. As pandereteiras propoñen incrementar as revolucións da música galega con dez temas confeccionados a partir de letras tradicionais recollidas en diferentes puntos da xeografía galega e que reformulan con arranxos actuais. Con elas, a modo de espello, o grupo fía en Contrapunto cinco relatos, cada un coa súa cara e a súa cruz, nos que cantan ao empoderamento da muller, á deslealdade e á traizón, á liberdade política, á amizade, á vida, á liberdade de decisión, a crítica á ditadura ou ao desengano.

O álbum, editado por Calaverita Records e PlayPlan, está dispoñible en todas as plataformas dixitais para a súa escoita e para a venda en tendas físicas e online, así como nos concertos do grupo.

0.11308312416077