As terrazas ao aire libre en zona portuaria quedarán exentas do pago das taxas

TerraChaXa | LugoXa
Os propietarios dos negocios de hostalería con terraza ao aire libre en espazos portuarios quedarán exentos do pago das taxas correspondentes ao período entre o 14 de marzo e o 11 de maio, toda vez que non se ten producido o feito impoñible debido ás restricións de actividade motivadas pola crise sanitaria da covid-19.
26 Maio 2020

Os propietarios dos negocios de hostalería con terraza ao aire libre en espazos portuarios quedarán exentos do pago das taxas correspondentes ao período entre o 14 de marzo e o 11 de maio, toda vez que non se ten producido o feito impoñible debido ás restricións de actividade motivadas pola crise sanitaria da covid-19. Esta medida vén de ser aprobada por resolución da presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e trasladada ao consello de administración do ente público na súa última reunión.

Susana Lenguas explicou que Portos de Galicia comparte a preocupación do conxunto dos sectores portuarios e administrados ante a repercusión económica da crise sanitaria provocada pola covid-19. “O ente público actuou de xeito inmediato unha vez decretado o estado de alarma a través da posta en marcha de medidas de aplicación inmediata que entendemos que están xa a aliviar en certa medida as dificultades actuais dos usuarios que operan nos nosos portos e poderán facilitar a reactivación da actividade económica”, expuxo a presidenta do ente dependente da Consellería do Mar durante a celebración do consello de administración.

“Entre estas medidas -engadiu Susana Lenguas- figura a decisión de adiar a emisión de todas as taxas portuarias posteriores ao 13 de marzo ata dous meses despois de terse levantado o estado de alarma”. Deste xeito, Portos de Galicia contribúe a facilitar liquidez aos usuarios portuarios, toda vez que a data de hoxe seguen sen emitirse liquidacións dos impostos xerados durante os meses de marzo, abril e maio. Á vista dos prazos coñecidos na actualidade, a previsión de emisión dos primeiros recibos non será antes do mes de agosto.

A maiores destas medidas de carácter inmediato, o ente público estudou nas pasadas semanas outras alternativas encamiñadas a paliar a afectación económica aos usuarios dos portos desta crise sanitaria. “En calquera caso a este organismo autónomo sonlle de aplicación os preceptos da lei de taxas, prezos e exencións, a lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a lei xeral tributaria e a lei de Portos de Galicia, polo que calquera medida que se puidese adoptar está suxeita a este marco”, indicou Susana Lenguas. Neste marco xurídico, a presidenta do ente público aprobou a resolución que exime do pago das taxas no período de confinamento aos establecementos hostaleiros.

Polo que corresponde ao período posterior ao 11 de maio, a presidenta de Portos explicou que se tomarán medidas excepcionais de xeito individualizado para facilitar a colocación de mesas ou a ampliación de superficie.

0.17826294898987