As torres do Arneiro

TerraChaXa
Por Miriam Fernández Aínda que pouco máis que o recordo e maltreitos edificios quedan delas, “as torres do Arneiro” son unha serie de antenas de radionavegación localizadas no Concello de Cospeito e de Abadín, instaladas polo goberno alemán de Adolf Hitler en solo chairego una vez finalizada a Guerra Civil española.
Cartel Entroido Infantil 2018
16 Nov 2020

Por Miriam Fernández

Aínda que pouco máis que o recordo e maltreitos edificios quedan delas, “as torres do Arneiro” son unha serie de antenas de radionavegación localizadas no Concello de Cospeito e de Abadín, instaladas polo goberno alemán de Adolf Hitler en solo chairego una vez finalizada a Guerra Civil española. Esta base de transmisión militar foi autorizada por Franco no marco das relación entre os dous gobernos fascistas, instalándose unicamente outra das mesmas características en territorio peninsular, no Concello sevillano de Guillena. Co funcionamento destes dispositivos de radionavegación punteira, coñecido como “Elektra-Sonne” (rebautizado polos británicos como sistema Consol), permitía a doada localización e seguimento de aeronaves, buques e submarinos que operaban no Atlántico e no Cantábrico, información que sería clave durante a II Guerra Mundial. Tratábase por tanto dun sistema de radiofaros que facilitaba o control e comunicación de amplo espectro, precedente do moderno GPS, e do que existían outras bases por toda Europa.

As obras para a montaxe das instalacións e das emisoras (da casa alemá Telefunken) comezaron no 1940, acometidas por un continxente da Luftwaffe ou exército do aire alemán. Estaban compostas por tres radiofaros distribuídos nas parroquias da Graña (Abadín), no lugar de Arneiro (Goá, Cospeito) e Momán de Riba (Momán, Cospeito), dispostas en liña recta e perpendicular á dirección da radiación cunha separación entre elas duns 2.823 metros, acorde coa lonxitude da onda de emisión. A antena ou radiofaro central era a principal e as outras dúas as secundarias, existindo tamén (a uns 4 km oeste da primeira) un Punto de Control colocado en dirección de radiación.

Estas estruturas eran torres cadradas de celosía metálica dun metro por cada cara aproximadamente, con escaleira interna de acceso e unha altura de 102,5 metros. No cumio remataban cun “sombreiro” capacitivo octogonal duns 11 metros de diámetro e 31 metros de perímetro. Cada una delas descansaba sobre una base cúbica de formigón, separadas por un aislante cerámico de esteatita e toma de terra. Esta base estaba protexida por un peche de ladrillo e contaba cunha caseta metálica que acollía no seu interior a unidade de sintonía e un transformador. Para manter tan alta estrutura metálica en pé empregábanse seis tensores ou “ventos” colocados a distintas distancias.

As antenas norte e sur estaban acompañadas polas casetas do garda (únicos restos na actualidade xunto coas bases), mentres que a central, localizada no Arneiro, contaba coas edificacións dun pequeno destacamento militar con corpo de garda e barracóns, o edificio de transmisións, un depósito de auga, unha estación transformadora e unha meteorolóxica. No edificio de transmisión ou edificio principal atopábanse os transmisores, os receptores, os paneis de control, os arquivos, a chave telegráfica e o teléfono. O punto de control próximo á antena central, una pequena caseta de apenas 2,25 m2, contiña o receptor Torn. E. b. que controlaba e mantiña a punto o funcionamento do sistema de antenas.

Unha vez rematada a guerra os alemáns abandonaron as instalacións pasando a depender do Goberno de España, utilizadas polo Exército do Aire ata o ao 1962, momento no que se transferiu á Aviación Civil. Nos 80 a estación deixou de ser operativa e abandonouse, sen mantemento nin control, desprotexida ante o vandalismo e a maleza. Na década dos 90 grupos de radioafeccionados conseguiron a súa reactivación enviando mensaxes por toda Europa nun intento de por en valor o lugar e chamar a atención das autoridades competentes para evitar o seu total deterioro. Estes intentos continuaron ata o 2006, momento no que a primeira das antenas (norte), maltreita e maltratada, sucumbiu fronte a forza do vento, seguidas pola central e a sur no 2009 despois dun forte temporal. Tiradas no chan e sen a axuda esperada, foron pasto das pillaxes ata a súa total desaparición.

Actualmente só quedan parte das maltreitas edificacións do que foi no seu día este importante complexo de comunicacións, un ben patrimonial esmorece sen remedio arrastrando tras de si a vergoña daquilo no que puido rexurdir de tenderlle a man a tempo: un centro tecnolóxico único no que coñecer a historia da electrónica e os sistemas de comunicación do s.XX.

cartel_entroido
0.17121505737305