As veciñas de Friol fan un roteiro guiado este venres

TerraChaXa
O venres 16 de xullo, Friol acollerá o roteiro Friol lembra cun itinerario marcado a partir de audios dunha decena de veciñas.
ROTEIRO FRIOL LEMBRA PORTADA
14 Xul 2021

O venres 16 de xullo, Friol acollerá o roteiro Friol lembra cun itinerario marcado a partir de audios dunha decena de veciñas que comparten vivencias, anécdotas e experiencias relacionadas con distintos lugares da vila.

A proposta é resultado dun proxecto promovido pola Rede Museística Provincial coa colaboración da Cooperativa Indaga que nos dous últimos meses recolleron testemuñas orais de mulleres mediante diferentes metodoloxías como as entrevistas en profundidade ou as conversas a tres.

A iniciativa encádrase dentro das actividades desenvolvidas pola Rede Museística para conmemorar o 15 aniversario da súa creación, centradas na relación dos museos coa comunidade e na posta en valor da memoria colectiva e o coñecemento acumulado polas xeracións de mulleres máis maiores como fonte de riqueza cultural e social.

A través da aplicación gratuíta Arquitecturas da Memoria, as persoas que participen no roteiro percorrerán as rúas, prazas e camiños frioleses da man das voces da veciñanza, accedendo a unha capa da súa historia que non se atopa en libros nin guías turísticas.

Trátase de 22 fragmentos de audio, xeolocalizados no rueiro de Friol, que se irán habilitando a medida que se avance no percorrido. Como era a vida veciñal nas rúas e Friol fai 60 anos, lembranzas da muller que traballaba na primeira liña telefónica que houbo na vila, anécdotas da primeira vez que un grupo de mulleres pediu un viño nunha taberna ou vivencias de mulleres que pasaron parte da súa infancia cosendo, son exemplos do tipo de testemuñas que se poderán escoitar.

O paseo dará comezo ás 18.30 horas na praza Andón Cebreiro. Desde a Rede Museística Provincial convidan a participar nesta posta de longo desta iniciativa, que propón unha forma diferente de facer turismo e coñecer o territorio incorporando a tecnoloxía.

friol lembra roteiro
0.10580396652222