As veciñas e veciños de Guitiriz saen á rúa para 'Sementar Igualdade' no 8M

Un bo número de veciñas e veciños de Guitiriz participaron hoxe na manifestación convocada polo Concello para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller.
Baixo o lema 'Sementando Igualdade', a mobilización percorreu as rúas da vila co obxectivo de visibilizar a loita pola igualdade de dereitos e reivindicar a importancia de seguir espallando os valores do feminismo na sociedade.
A participación cidadá converteuse nun símbolo do compromiso do municipio coa igualdade real entre mulleres e homes, nunha xornada reivindicativa marcada polo ánimo colectivo e a vontade de cambio.
A agrupación Trapeiros dos Vilares foi a encargada de poñer o broche final á xornada cunha animada foliada, que puxo o toque festivo e cultural a un día de mobilización, reflexión e compromiso.
Dende o Concello de Guitiriz destacaron a importancia de continuar organizando este tipo de iniciativas que, ademais de dar visibilidade, fomentan unha conciencia social máis igualitaria e xusta.