“As ventas aumentan, o que indica que a demanda tamén é maior”

TerraChaXa
Lucía Fraga, nova secretaria do Consello Regular do queixo San Simón da Costa
lucia-fraga-queixo-san-simon
7 Dec 2025

Lucía Fraga Chao, natural de Vilalba e licenciada en Ciencias e Tecnoloxía dos Alimentos, é a nova secretaria do Consello Regulador da DOP San Simón da Costa tras a xubilación de Gelucho Ramil, que ocupou o cargo durante 30 anos. Tras tres meses de transición acompañando ao seu predecesor, Fraga inicia agora a súa etapa en solitario. A nova responsable afirma que afronta este reto con ilusión e co propósito de gañar a confianza dos queixeiros e solucionar os problemas do sector. Destaca a importancia de manter a esencia do queixo San Simón e de continuar o traballo realizado por Ramil, a quen eloxia polo seu compromiso e pola relación próxima coa xente do sector.

Como foi o proceso para tomar posesión como secretaria do Consello Regulador?

Tivemos un período de transición, no cal me puiden formar co anterior Secretario. Foi un período de adaptación e aprendizaxe, principalmente para coñecer o funcionamento diario do Consello Regulador, entre outras moitas tarefas a desenrolar.

Cal é a súa vinculación co queixo San Simón?

Son de Vilalba e como calquera vilalbés/a, coñezo o queixo dende pequena. En maior ou menor medida todos crecemos escoitando falar deste queixo. É un dos produtos que nos representa fóra da nosa vila e de recoñecido prestixio.

Con que obxectivos accede a este cargo?

O principal obxectivo é continuar coa actividade actual do Consello. Preséntanse novos retos ante os que é necesario evolucionar, innovar e facer modificacións, sempre co obxectivo de aumentar o recoñecemento e prestixio deste produto. É importante o traballo do día a día para que a presenza do noso queixo se vexa incrementada tanto a nivel nacional como internacional. Xa se percorreu un longo camiño pero aínda queda moito por andar.

Como ve o futuro da DOP San Simón da Costa?

Vexo futuro a longo prazo. Nesta época de constante cambio, desde a DOP tamén nos adaptamos aos novos tempos, con novas esixencias e compromisos. Temos que ter en conta que este queixo é un produto único e que é necesario traballo diario, esforzo e compromiso, para que sega medrando e evolucionando como o fixo ata o día de hoxe.

Que fai único a este queixo?

É un queixo que se segue a fabricar respectando as práticas tradicionais. Destaca principalmente pola súa forma, entre trompo e bala, a cor da súa corteza, amarillo-ocre, que se consegue grazas ao proceso de afumado ao que se somete, e o seu aroma e sabor característicos.

Está en crecemento a produción e a venda? Aumentan os queixeiros?

Ano a ano, as ventas increméntanse. Isto é un indicador de que a demanda do produto aumenta. E a maior demanda, maior produción para poder satisfacela. Con respecto aos queixeiros seguimos co mesmo número de inscritos, 9. Non podemos predicir a evolución do número de queixerías pero sí confiamos no mantemento das actuais, xa que está asegurado o relevo xeracional. En nalgunha delas, xa contan coa terceira xeración.

Que problemas hai que atallar?

Sempre hai pequenos problemas e inconvenientes que solucionar, pero iso forma parte do noso día a día. Traballamos para que eses problemas, unha vez solucionados, se convertan en algo positivo e do que sacamos unha aprendizaxe para seguir evolucionando e acadando os nosos obxectivos.

A feira de abril é quizais o principal acto, hai previsto facer outras accións?

A feira do queixo é un dos actos máis importantes, xa que o queixo é o principal protagonista. Pero non é o único acto, existen outros que se realizan ao longo do ano, nos que nos permiten promocionar e dar a coñecer o noso produto.

⚙ Configurar cookies
0.077202081680298