As visitas patrimoniais aos cemiterios de Meira estarán nos Encontros do Consello da Cultura Galega
Meira e as súas visitas patrimoniais estarán este ano nos XXVI Encontros para a Normalización Lingüística, que tratarán a importancia dos usos lingüísticos nos actos funerarios. Co lema Vivir e perdurar na nosa lingua, analizarán a importancia da escolla da lingua nos actos funerarios. Os Encontros terán lugar o 15 de outubro de 2024, na sede do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. A inscrición está aberta.
A vixésimo sexta edición dos Encontros para a Normalización Lingüística ten como obxectivo abordar desde diferentes perspectivas a importancia das escollas lingüísticas nos actos funerarios, analizando teoricamente este aspecto, presentando datos de uso, pondo sobre a mesa recursos e necesidades e presentando iniciativas de impulso.
Os XXVI Encontros convidarán a reflexionar sobre a importancia da lingua escollida para os actos funerarios, presentarán unha visión panorámica das porcentaxes de uso neste primeiro cuarto do século XXI, mostrarán como son os rituais funerarios nas cerimonias civís e nas habituais das confesións relixiosas maioritarias, analizarán con diversos axentes que prestan servizos funerarios de que recursos dispoñen para atenderen a demanda de servizos en galego e exporán iniciativas dinamizadoras presentadas por entidades públicas e privadas.
A xornada inclúe ademais unha visita guiada pola Cidade Vella da man de Manuel Gago. Así mesmo, o programa inclúe unha compilación de recursos na rede de interese para axentes dinamizadores e empresas de servizos.
Os XXVI Encontros para a Normalización Lingüística terán lugar o 15 de outubro de 2024, na sede do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela.
Meira estará representada na mesa de traballo Divulgación e Impulso, que terá lugar ás 18.00 horas, coa presentación de intervencións e recursos dinamizadores deseñados para o ámbito dos actos funerarios.
Participa a responsable de Turismo en Meira, Yoani Jartín Salgado, que falará das visitas patrimoniais aos cemiterios de Meira. Están tamén Manuel Campos Sanmartín, que levará o tema do Día da Restauración da Memoria Lingüística, e Marta Besada, de Galeg@ para sempre.