As XII Xornadas de Abordaxe Integral da Violencia de Xénero no Ámbito Local celebraranse en Ribadeo os días 10 e 11 de maio

TerraChaXa | AMariñaXa
A Concellaría de Igualdade e o CIM organizan as XII Xornadas de Abordaxe Integral da Violencia de Xénero no Ámbito Local, que se celebrarán no Teatro os días 10 e 11 de maio.
en marea Cristina Pérez defende en Vilalba
8 Maio 2019

A Concellaría de Igualdade e o CIM organizan as XII Xornadas de Abordaxe Integral da Violencia de Xénero no Ámbito Local, que se celebrarán no Teatro os días 10 e 11 de maio. A temática deste ano leva por título Transitando nas marxes: a maior vulnerabilidade, maiores violencias. Como novidades nesta edición, o sábado proxectarase o documental sobre a Operación Carioca e haberá despois un coloquio. Tamén ese día terá lugar o espectáculo Deforme semanal, programa cultural e político en ton humorístico presentado por Isa Calderón e Lucía Lijtmaer. Ademais volve por segundo ano a carpa da igualdade para as familias, para os adolescentes ou para as crianzas, na que haberá monitores especializados nesta temática, que contarán con material específico para pasar a tarde do sábado. Trátase tamén dun xeito de conciliar a asistencia ás xornadas co coidado dos pequenos e pequenas.

A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, anunciou que “un ano máis, desde a Mesa Institucional de Violencia de Xénero, organizamos estas xornadas que tratan temas moi importantes e moi relevantes, e nesta ocasión o tema que imos abordar é poñer enriba da mesa as dificultades ou aínda máis as vulnerabilidades maiores que teñen aquelas mulleres, que son vítimas de violencia de xénero, con algún tipo de diversidade funcional, de discapacidade, mulleres maiores ou mulleres doutras etnias”.

A edil subliñou que “quixemos poñer enriba da mesa eses temas porque nos parece moi importante e porque, como ben dicimos, se ser muller e que se dean as circunstancias de violencia de xénero dunha maneira xenérica na nosa sociedade neste tipo de circunstancias aínda se agravan máis estas situacións. As xornadas vanse desenvolver no Cine Teatro de Ribadeo o venres, día 10 de maio, desde as cinco da tarde ata as oito da noite, e o sábado 11 ao longo de todo o día. O programa é moi amplo e moi completo, as xornadas son totalmente gratuítas, e convidamos a todas aquelas persoas que o desexen que se fagan co programa, que se informen e se non poden asistir á totalidade delas que participen naquelas charlas e relatorios aos que lles poidan sacar máis proveito ou que queiran recibir información. Creo que o máximo potencial que se lle pode sacar ás xornadas son as tertulias ou intercambios de información que se manteñen despois cos poñentes e coas poñentes que veñen. Son persoas que teñen un amplo bagaxe  formativo, que están moi formadas no ámbito do que nos veñen a dar e que teñen moito renome. É un luxo poder contar en Ribadeo e na Mariña con estes poñentes porque ás veces costa moito traelas porque a súa vida profesional e laboral impídelles poder estar aquí”.

Álvarez Lastra contou que “este ano, como o pasado, incidimos no ámbito de sacar as xornadas fora do Cine Teatro, traballar no tema da sensibilización e da prevención, e por iso imos manter a carpa de igualdade que iniciamos nas xornadas que fixemos no mes de setembro. A experiencia foi moi boa para que as familias, os menores e os adolescentes se acheguen alí, fagan determinado tipo de actividades tanto construíndo, contando, xogando, e se acheguen a materiais que existen relacionados co ámbito da igualdade. Vai haber monitores e monitoras especializados e material específico para traballar estas actividades, e a carpa vai estar ao carón do Cine Teatro, na Praza 8 de marzo, desde as catro da tarde ata as oito e media da noite ininterrumpidamente, con actividades para que se pasen por alí e disfruten. Tamén dicir que aquelas persoas que acudan ás xornadas, que teñan menores, poden deixalos alí a cargo dos monitores para poder achegarse ás charlas porque tratamos de potenciar esa conciliación para poder formarnos, poder disfrutar do noso tempo e asistir a aquelas cousas que nos gusten ou nos interesen. Posto que o peso dos coidados recae sobre nós, intentamos tamén facilitar neste ámbito”.

A edil ribadense engadiu que “este ano pretendemos darlles un carácter máis cultural e máis divertido. Facemos a proxección dun audiovisual, que rompe a dinámica dos talleres e os fai máis dinámicos, sobre a Operación Carioca. Ademais temos unha actividade cultural que creo que é moi potente, que está tendo moito tirón e que é algo totalmente diferente, que é a actuación do grupo de Deforme Semanal, que fan un programa cultural e político, presentado por Isa Calderón e Lucía Lijtmaer, que está tendo moito éxito. Tratan dunha maneira crítica e cun humor agridoce os temas dos que estamos a falar nese día. Vai ser un acto aberto e gratuíto que empezará ás sete e media da tarde, o sábado. Eran aquelas ideas que nós tíñamos que parecía que podíamos tratar, que nos faltaban, e que este ano quixemos poñer enriba da mesa para facelas un pouco máis atraíntes e tamén para dar outra visión diferente, e abarcar o tema da prevención e da sensibilización tratando temas de actualidade dunha maneira que non nos deixe indiferentes”.

As encargadas de explicar polo miúdo o programa das XII Xornadas de Abordaxe Integral da Violencia de Xénero no Ámbito Local foron Luísa Couceiro e Paz Ramil.

0.17144918441772