As xogadoras do Burela gañaron ao Poio Pescamar

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
10 sep 2019

O Pescados Rubén Burela FS levou o derbi irmandiño na xornada inaugural de Primeira RFEF (4-1). Logo de avantaxar con 2-0 na primeira parte, as pupilas de Julio Delgado e Lucas souberon como frear as ganas e o bo regreso dun Poio Pescamar moi renovado.

Foi no partido correspondente á xornada 1 de Primeira RFEF disputado en Vista Alegre ante máis 500 persoas. As burelistas ofreceron os últimos trofeos da vitrina laranxa á incondicional afección, 4Nations Futsal de Milán e Supercopa de España, con corredor do Poio.

As supercampioas de España saltaron á pista no debut de Primeira RFEF 2019-20 ante un Poio cunha defensa alta. Silvia Aguete convertéuse nunha das grandes protagonistas da cita; Ale de Paz, no minuto 6, non puido gañar no man a man ante a súa ex-compañeira. Con 14 minutos por diante, as pontevedredas cargáronse coas cinco faltas. Lara Balseiro non desaproveitou a oportunidade desde os dez metros. Ale nos seguintes compases a punto estivo de subir o segundo cun disparo na área cuxa traxectoria conseguiu variar a defensa visitante e foise alta. No 9 a combinación entre Luci e Cilene volveu probar a rede de Silvia Aguete. No 12 Jenny Lores atopou un gran espazo tras recuperación laranxa. Quixo sorprender o Poio en contragolpe ante Ana Romero, pero nun erro o balón regresou á ofensiva mariñá e Andrea Feijoo anotou na súa meta en tentativa de despexe en lanzamento de Jenny Lores.

O terceiro puido chegar a falta de 4 para o descanso nas zapatillas de Ale de Paz, nunha gran caza e incursión da nedense que recolleu Bea Mateos en rexeite, sen éxito. Silvia mantivo ás pontevedresas unha vez máis, antes do descanso, ante Peque. O Pescados Rubén, de novo nas zapatillas de Lara Balseiro, tivo unha nova oportunidade en dobre penalti, que evitou o pau.

Dani Sousa, no reinicio, non puido aproveitar a primeira ocasión, cun balón que se foi alto ante Jozi. Antía Pérez, moi activa na cita, bloqueou o balón de Ale de Paz na pista laranxa e recuperou para reducir distancias, no 24. Precisamente a nova 17 burelista a punto estivo de sorprender de novo, no 26, tras roubo. As de Julio Delgado e Lucas volveron poñer en apertos ao Poio pouco despois, con roubo de Jane que se estrelou contra o pau. Ana Rivera tamén quixo buscar a recompensa á contra; tras dúas accións infrutuosas da 28 visitante no 29, o Peixes Rubén sacou xogo de cinco liderado por Bea Mateos. Jenny conseguiu ampliar a renda no ecuador do segundo acto, co terceiro, de falta, esperando no segundo pau a iniciativa de Cilene. O Poio contraatacou con Irene García rozando a portería.

Con seis minutos por diante, as de Raúl Jiménez apostaron por Antía Pérez como porteira xogadora. Intentaron as locais cazar os desaxustes do Poio; a falta de 1’21” para o final conseguírono; Peque culminou a porta baleira tras recuperación de Jenny. Nos últimos compases Lara Balseiro dispuxo doutro dobre penalti, que se foi desviado.

0.17309808731079