As xornadas Drone Day achegan a estudantes as aplicacións dos drons
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou no Aeródromo de Rozas nunha das xornadas Drone Day: Aplicacións Profesionais dos Drons, unha iniciativa organizada pola multinacional aeronáutica Boeing e que se enmarca nas actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia. No acto participou tamén Neves Seoane, responsable do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), sede do evento.
Segundo precisou Patricia Argerey, a finalidade destes talleres é “introducir aos estudantes, de xeito dinámico e entretido, no uso e funcionalidades das tecnoloxías vinculadas aos drons e familiarizalos coas súas aplicacións e uso”. Argerey contextualizou esta actividade de divulgación co obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade galega, en especial o interese polas carreiras STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e o sector aeroespacial.
O programa de vocacións da Civil UAVs Initiative ten como obxectivo achegar a ciencia, a tecnoloxía e a innovación á mocidade e o fomento de novas vocacións especialmente vencelladas ao sector aeronáutico e aeroespacial, así como aumentar o coñecemento da iniciativa por parte da sociedade. Ademais dos drone days e das Aulas Newton, organizadas conxuntamente con Boeing, está previsto celebrar outros obradoiros, charlas, concursos e visitas ao CIAR, entre outras. O programa de vocacións científico-tecnolóxicas pretende chegar a mais de 1.000 escolares, mais de 100 universitarios e preto de 2.000 persoas interesadas neste segmento do sector aeroespacial.
Durante dez días, estudantes de secundaria de Burela, Castro de Rei, Lugo, Monforte e Xove, fundamentalmente de 2º e 3º da ESO, participarán en sesións de cinco horas de duración. O aforo máximo é de 30 alumnos por xornada e as inscricións xa teñen o aforo completo.
Ao longo da xornada desenvolveranse diferentes obradoiros prácticos e exercicios de simulación tanto de voo con drons como de realización de mapas. Para iso, traballarase con imaxes e fotografías tomadas dende vehículos aéreos non tripulados (UAVs). Os estudantes que participan na iniciativa traballarán en grupos de cinco ou seis persoas empregando un ordenador portátil e unha emisora de dron de simulación. Ao finalizar o obradoiro, realizarase unha saída á plataforma do aeródromo para que os participantes poidan observar voos reais de drons, con toma de imaxes e exercicios prácticos.
Patricia Argerey aproveitou para facer balance das Aulas Newton, unha actividade que Boeing e First Scandinavia executaron en colaboración co Concello de Lugo durante tres semanas e que remataron o domingo pasado. Esta actividade, que pretende achegar as materias STEM a alumnado de nove países europeos, acolleu a centros de ensino de toda a provincia (Castroverde, Chantada, Guitiriz, A Fonsagrada, Friol, Lugo, A Pastoriza e Xove) durante doce días. En total 339 estudantes tiveron acceso á Aula, o que, xunto co público xeral, suma un total de preto de 1200 visitantes.