As Xornadas sobre Migracións Indianas da Liga Santaballesa regresan o día 20

As XV Xornadas sobre Migracións Indianas – Feira do Indiano na súa XV edición celebraranse o vindeiro 20 de setembro na Liga Santaballesa de Vilalba cun amplo programa de actividades culturais, deportivas e musicais, tal e como vén de facer público a súa organización.
A xornada dará comezo ás 08:30 horas coa saída da III Volta Ciclista á Terra Chá 2025, unha marcha para bicicletas clásicas organizada por Biciclistas Galegos. Ás 11:30 horas terá lugar a inauguración oficial, cun relatorio a cargo de María Xosé Porteiro, moderada por Daniel Manuel Vázquez Vila. Ás 12:30 horas abriranse as exposicións Proximidade Llunyana da Rede Museística Provincial de Lugo e Nós mesmos, da Asociacionismo Galego do Consello da Cultura Galega.
Ao mediodía, sobre as 13:00 horas, está prevista a chegada da marcha ciclista e a continuación a entrega de premios. Ás 13:30 horas haberá un vermú amenizado coa música caribeña de Los Jimaguas, antes do xantar popular que se servirá ás 15:00 horas, aberto ao público con reserva previa e cun menú baseado en callos, ropa vieja e costela asada.
Pola tarde, a partir das 16:30 horas, continuará a animación musical con Los Jimaguas e ás 17:30 horas celebrarase un concurso de xogos de relevos. Ás 18:00 horas actuarán os músicos da Banda de Música de Vilalba, seguidos ás 19:30 horas dunha foliada popular a cargo de Toxo Guayaba.
Xa pola noite, ás 20:30 horas, terá lugar unha queimada popular dirixida por Manolo Ferreiro cun espectáculo nocturno e ás 21:30 horas unha actuación musical de Toxo Guayaba porá o broche final á programación.
Durante toda a xornada desenvolveranse exposicións, talleres, xogos populares, postos de cócteles caribeños e a food truck de Galicia Sabe Amar, ademais de propostas pensadas para todos os públicos.