Así son os protagonistas musicais das Festas das Pontes
O Concello pon en marcha un intenso programa musical con propostas para todos os públicos.
TANXUGUEIRAS
O Concello das Pontes anunciou a presenza do trío galego Tanxugueiras nas festas patronais cun concerto o día 16 de xullo no Canal IV a partir das 23.00 horas.
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica.
O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que xa as fixo triunfar en escenarios de varios países. Aválanas éxitos como Midas, Figa, Averno (colaboración con Rayden) ou Terra, tema co que se alzaron como as favoritas do público no Benidorm Fest. Todo formará parte do seu novo disco, que verá a luz neste 2022 e co que presentarán un potentísimo show.
TU OTRA BONITA
Tu Otra Bonita é un grupo ecléctico, cun son diferente, que lles levou a países como Arxentina, México ou EEUU.
Está formado por Héctor Lacosta, cantande; Félix Vígara, guitarra, e Alberto Vallecillo, na percusión.
Música para todos, do máis moderno ao máis tradicional
E é unha das bandas máis singulares do panorama musical actual, que se gañou o recoñecemento grazas á súa fusión de ritmos e cancións, desde a mestizaxe indie ata a rumba, cancións ás que é imposible resistirse a cantar e bailar, pero tamén con letras que son poesía e caricias para a alma, moita constancia, traballo e fé en si mesmos.
SABELA
O seu posto como finalista na edición de OT2018 permitiulle darse a coñecer no panorama musical.
Tras sacar á luz o seu primeiro EP titulado Despedida en 2019 e virar en formato acústico e trío por Galicia, Sabela decidiu emprender un novo camiño para facer un desenvolvemento máis profundo da súa carreira.
En 2020 o seu videoclip foi o máis visto en galego en Youtube. Ao escoitala, o cruce de sons ambientais e doces da súa voz e elementos electrónicos, serena a dureza das partes instrumentais na que as guitarras eléctricas e a batería cobran especial importancia na creación de emocións máis intensas.
TRAVIS BIRDS
Travis Birds será parte da programación das Festas do Carme e da Fraga 2022, co concerto que ofrecerá sobre La Costa de los Mosquitos Tour, o venres 15 de xullo, ás 21.30 horas no Canal IV.
En 2021, Travis Birds lanzaba La costa de los mosquitos, o seu segundo traballo discográfico.
Con este disco puidemos asomarnos á súa habitación, ao seu mundo interior; unha estancia chea de matices, de cores, de texturas...unha habitación que xerou un disco cheo de cancións
que che removen por dentro dunha forma que consegue erizarte a pel. Tras o éxito alcanzado con Coyotes, cabeceira da serie El Embarcadero, a marabillosa versión xunto a Benjamín Prado de 19 días y 500 noches de Joaquín Sabina e formar parte da banda sonora de Sky Vermello -serie de Netflix- con Thelma e Louise, agora a artista madrileña lánzase á estrada coa xira de La costa de los mosquitos, na que leva ao directo todas esas emocións para transmitir todo o que o imaxinario de Travis Birds ofrece. Ademais, poderemos gozar dos novos singles que presentará ao longo de 2022, cancións coas que logrará alcanzar unhas dimensións nunca antes vistas na súa carreira.
KRIS SET
A Duendeneta é unha furgoneta dotada con discoteca móbil que anima todas as festas que visita. Esta music truck está capitaneada por Carlos Crespo, DJ e crítico musical así como por e Kris K Dj, que será a encargada de animar a noite do domingo 24 aos asistentes á Festa da Fraga.
A furgoneta fará un percorrido por todos os xéneros da música galega, desde os pioneiros do pop ata a actualidade con especial atención á música feita por mulleres.
XABIER DÍAZ E ADUFEIRAS
É un músico e compositor que acumula unha exitosa traxectoria de máis de 30 anos en diferentes proxectos de música tradicional galega, cos que logrou numerosos recoñecementos. Colaborou en discos e concertos de artistas como Kepa Junkera, Xosé Manuel Budiño, Amancio Prada, Luar na Lubre ou Uxía.
As Adufeiras de Salitre son once mulleres que se encargan da percusión e as voces. Acompañan a Xabier Díaz desde o seu álbum de 2015 The Tambourine Man.
OS TREVILLAS
Este grupo formado por uns amigos das Pontes, aos que lles gustaba a música, comezaron a aprender a tocar a frauta alá polo ano 1993 no baixo dunha carpintería, da man do músico autodidacta Manuel Seijo. Logo ensinolles a tocala gaita, e co paso do tempo decidíronse a formar un grupo, que naceu no ano 1995.
O seu primeiro disco presentouse o 22 de outubro do 2005 no Cine Alovi das Pontes, e chamouse Dalle Dalle, está feito de pezas tradicionais galegas, e tamén inclúen nel unha canción que lles ensinou o sacristán das Neves.
NO CÓMBARO
Este grupo de música galega formouse no ano 2003, empezando a súa traxectoria como cuarteto tradicional con dúas gaitas, tambor é bombo. Co transcurso dos anos fóronse incorporando outros instrumentos como son a zanfoña, a frauta traveseira, o clarinete, acordeón e voz ata completar a formación actual composta por oito membros.
Os inicios das súas actuacións foron coas alboradas e os pasacalles, recorrendo as comarcas do Eume, Terra Chá e Ferrolterra.
Participaron tamén en festivais na localidade e arredores. Con este pequeno proxecto, ademáis de desfrutar tentan divulgar, dignificar e manter viva a esencia da música tradicional, dándolle un xeito propio con pezas da súa propia creación pero tamén mantendo e conservando o repertorio dos antigos gaiteiros.
MUXAREGA
O grupo de folk Muxarega naceu en 1995 como resultado da xuntanza dun grupo de amigos que tiñan a inquedanza de facer este tipo de música a partir de pezas tradicionais galegas. Estos amigos proviñan de varias asociacións musicais das Pontes de moi distintos estilos: do Grupo Xuvenil de Gaitas, da Rondalla Vila de As Pontes e da Charanga Os Ponteses. Muxarega estreouse coma conxunto no Auditorio Cine Alovi o 5 de maio de 1995. Dende os seus inicios definiu o seu estilo apoiándose na música tradicional galega como base do mesmo, collendo ós poucos retazos de músicas de culturas relativamente afíns como a portuguesa, bretona ou a irlandesa. Incluso algunha tarantela italiana chegou a soar no noso repertorio. Coa madurez do grupo, as voces, as pezas de composición propia (aínda que non moitas) tamén empezaron a agromar; e os arranxos de pezas tradicionais se empezaron a complicar e a volver máis esixentes. Nestes tempos a voz tamén é un elemento importante e case a metade do repertorio son pezas cantadas, dende coplas tradicionais ata algún clásico do rock`n´roll, pasando por pezas do repertorio popular galego.
CORAL ENDESA
Fundada en 1974 e formada case na súa totalidade por traballadores de Endesa estivo dirixida por Alfonso de la Torre Piñeiro desde a súa fundación ata 2001. Actualmente a súa directora é Miriam Fernández-Parella Marín.
No seu extenso repertorio, con preto de 100 obras, atópanse partituras de polifonía clásica, semiclásica, panxoliñas, habaneiras e cancións populares de toda a xeografía española.
Obtivo diversos galardóns entre os que figuran o Premio Especial de Polifonía Rexional no XXX e XXXI Certame de Habaneras e Polifonía de Torrevieja nos anos 1984 e 1985 e participou nun ciclo de Música Nacional e Internacional durante a Expo ’92 en Sevilla.
CANAVELLA
Este grupo creouse con membros da Escola Municipal de Música Tradicional das Pontes arredor do anos 2009, e nos seus comenzos estaba formado por 3 gaitas, 2 tamborís e 1 bombo. Actualmente está composto por 3 gaitas, 1 tamboril e 1 bombo pero o seu repertorio está formado por todo tipo de pezas tradicionais como son os pasodobres, as muiñeiras, as rumbas ou as xotas.
ANDRÉS PENABAB
É xa un acordeonista de traxectoria que recibiu varias Master Class co catedrático de acordeón de San Petesburgo Oleg Sharov, e dos concertistas Iñaqui Diéguez e Anxo Luís Castaño, ademais de cursar na Escola de Música Moderna Estudo de Compostela. Actualmente imparte clases de acordeón na escola que leva o seu nome. Estivo nunha orquestra e no grupo de folk Muxarega, e despois axudoulles na produción do disco, 8 sueños. Colaborou na gravación do disco Xan e Sabela co grupo Folk Avelaiña de Pontevedra, no audio-libro de poemas da escritora Gabriela Rodríguez de Betanzos.
OS FEROCES DA GALGUEIRA
Este é outra das formacións locais que amenizará as festas. Son unha agrupación de música tradicional das Pontes con moito ritmo formado por sete rapaces, Marcos Freire, Carolina Leal e Sara López coas gaitas, Antonio Tuimil co acordeón, Ana Vilaboy coa pandeireta, Luis Pita e Miguel Ferreiro co bombo e platillo. Este grupo comezou a súa andaina en maio do 2009 cando tocarón por primeira vez no Cine Alovi doce pezas moi elaboradas e matizadas. O seu nome provén da Galgueira, unha parte do monte que da cara As Pontes.