Asinada a acta de reorganización de cinco parcelarias da provincia de Lugo

TerraChaXa | AMariñaXa
Asinada a acta de reorganización da propiedade de cinco procesos de reestruturación da terra da provincia de Lugo.
17 Xuño 2019

Asinada a acta de reorganización da propiedade de cinco procesos de reestruturación da terra da provincia de Lugo. En concreto son as parcelarias de San Xiao de Mos, no concello de Castro de Rei; Fanoi, en Abadín; Órrea-Galegos, en Riotorto; Pousada, en Baleira, e Frexulfe, no Valadouro.
Todos estes procesos teñen xa esta acta, o que supón un paso máis de cara á entrega dos títulos de propiedade, que sería o último punto. Así, agora procederase á protocolización notarial das mesmas e á elaboración dos títulos de propiedade dos predios resultantes para a súa inscrición final no rexistro.
No que se refire á concentración de San Xiao de Mos, en Castro de Rei, o proceso beneficiou a 262 propietarios, que contaban inicialmente con 1.687 parcelas cunha superficie media de 2.609 metros cadrados. Estes predios reducíronse a 435 de 9.998 metros cadrados de media. Nesta parcelaria investíronse máis de 1,5 millóns de euros que permitiron reorganizar 435 hectáreas de terra. Cómpre sinalar que actualmente o concello de Castro de Rei ten xa reorganizada ou en proceso de concentración o 50% do seu territorio.
No concello de Abadín, a parcelaria de Fanoi contaba cunha superficie de 656 hectáreas de 248 propietarios. Respecto ao número de parcelas, pasaron de 2.506 cun tamaño medio de 2.618 metros cadrados a 550 predios de 11.174 metros cadrados. Neste caso investíronse máis de 1,8 millóns de euros.
Na parcelaria de Órrea-Galegos, no concello de Riotorto, tamén se chegou á fase de acordo e nela lévanse investidos 2,9 millóns de euros. Neste caso, a superficie da concentración é de 1.270 hectáreas, propiedade de 496 persoas. O número de predios pasaron de 9.091 a 1.437 e o seu tamaño medio aumentou de 1.397 metros cadrados a 8.838. Destaca a superficie concentrada deste municipio, que supera o 89 % do territorio.
A concentración de Pousada en Baleira beneficiou a 1.210 hectáreas de 178 propietarios que viron como as súas parcelas pasaban dunha media de 3.768 metros cadrados a 22.321 metros cadrados. Respecto ao número de predios, nun inicio eran 2.925 e quedaron en 489. Para esta mellora, a Consellería do Medio Rural investiu máis de dous millóns de euros.
Por último, no concello do Valadouro, asinouse a acta de reorganización da parcelaria de Frexulfe, de 118 hectáreas de superficie. Neste caso, os propietarios beneficiarios deste proceso son 156 que tiñan 959 parcelas de 1.226 metros cadrados de media cada unha e pasan a ter 299 predios de 3.791 metros cadrados. Neste caso, o custo estivo preto dos 600.000 euros.

0.18234992027283