Asinado o convenio que permitirá a Friol contar cun centro de interpretación da natureza en Narla

A Xunta colaborará co Concello de Friol para financiar a execución dun centro de interpretación da natureza na parroquia de San Pedro de Narla, que suporá un investimento de 220.458 euros. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe co alcalde do municipio lucense, José Ángel Santos Sánchez, o convenio para a posta en marcha destes traballos, que se enmarcan no Plan Hurbe.
A través desta colaboración, selada hoxe en San Caetano, trátase de executar as obras de construción dun centro de interpretación da natureza na parroquia de San Pedro de Narla nunha parcela cunha superficie total de 1.588 m2. Proxéctase así, unha edificación de tipo tradicional, en consonancia coas edificacións existentes no núcleo de Narla. Dispoñerase no extremo suroeste da parcela, deixando libre a maior parte da parcela, e respectando as distancias necesarias dos lindeiros.
O obxectivo desta cooperación do departamento que dirixe María M. Allegue é aproveitar o crecente interese polo turismo rural e o contacto coa natureza, creando un centro de interpretación da natureza no municipio lucense. No devandito centro preténdese, por unha banda, levar a cabo diversas actividades educativas e divulgativas dirixidas a coñecer a natureza, por exemplo o ciclo das árbores, desde a súa plantación ata a súa tala e a súa transformación en madeira ou o proceso da produción de sementes, plantación de hortos, coidados forestais, utensilios e ferramentas de traballo, coidados e características dos montes, etc.
Por outra, preténdese destinalo a centro de formación ecolóxica e actividades agroforestais, obradoiros de emprego relacionados coa natureza, cursos e charlas informativas.
As obras contarán cun prazo de execución de 10 meses e o convenio asinado hoxe estará vixente ata o 31 de decembro de 2026.
A Xunta cofinanciará nun 70% estas intervencións, cun investimento de case 155.000 euros (154.321€), e contratará e executará as obras. Pola súa banda, o Concello de Friol achegará o 30% restante do custo das actuacións (66.137€), realizará as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal.
O acordo selado hoxe enmárcase no Plan Hurbe. o programa impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, coincidentes neste caso coa realización de actuacións de mellora de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
A través de liñas de colaboración cos concellos como o Plan Hurbe, a Xunta contribúe a promover o desenvolvemento das vilas e núcleos rurais da comunidade autónoma como motores de dinamización ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.