Asinado un convenio para impulsar o asentamento da Zona Franca na comarca de Ferrolterra
O Concello das Pontes, a Zona Franca de Vigo, a Confederación de Empresarios de Ferrolterra (Cofer) e a Asociación de Empresarios Seara rubricaron hoxe un acordo de colaboración para establecer un marco de traballo común entre os catro axentes implicados.
A sinatura deste convenio tivo como escenario o Centro de Dinamización Empresarial de Penapurreira ata onde se trasladaron o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso; o delegado especial de Zona Franca de Vigo, David Regades e o presidente de Seara, José Castro, e onde contaron coa presenza dun nutrido grupo de empresarios e empresarias tanto da localidade coma de toda a comarca.
Tal e como salientou o primeiro edil, “ a Zona Franca de Vigo foi creada para impulsar a economía de todo o Noroeste de España, polo que pode xogar un importante papel na reactivación industrial da comarca”. De feito, González Formoso apuntou que “malia situarse en Vigo, a Zona Franca non ten porqué ter limitado o seu ámbito de influencia tan só á cidade olívica ou á provincia de Pontevedra, xa que pode estender os seus lazos ao noroeste da Península”, de ahí que subliñase o papel que pode xogar As Pontes e os concellos de Ferrolterra para que esta empresa pública aterre na provincia, ao entender que “o importante non é onde se sitúe o cerebro desta empresa, senón a onde pode chegar o seu ámbito de actuación e os seus recursos”.
Asemade, o alcalde das Pontes animou aos empresarios da comarca a empregar os recursos, experiencia, elementos de financiación e capacidades coas que conta a Zona Franca para non só impulsar os seus proxectos xa en marcha e ampliar o seu mercado, incluso no exterior, senón tamén para facer realidade novas iniciativas empresariais sen importar o seu tamaño.
Precisamente e para afianzar esta relación, dende Seara, o seu presidente José Castro ofreceu unha oficina nas dependencias do Centro de Dinamización e no que traballasen conxuntamente dende xa mesmo Concello, Seara e a propia Zona Franca de Vigo; e tamén se sumou ao chamamento ás empresas locais para aproveitar esta gran oportunidade de desenvolvemento.
Pola súa parte, David Regades fixo fincapé na oportunidade que supón para o tecido empresarial da comarca sumarse a esta empresa pública o que, ao seu xuízo, permitirá respaldar os diferentes proxectos industriais da comarca e que poden dar o seu salto ao mercado internacional. E é que en verbas do delegado da Zona Franca “é necesario crerse que Galicia pode competir internacionalmente con calquera outra empresa do mundo”.
Regades pediu aos presentes que aproveitasen esta oportunidade para fortalecer ese músculo industrial co que conta a comarca e tildou esta primeira toma de contacto coma un punto de partida para asentarse tamén na zona norte de Galicia.
Zona Franca de Vigo en cifras
Dende a súa posta en marcha en 1947, coa fin de potenciar o comercio internacional e o desenvolvemento económico, a Zona Franca de Vigo sumou un total de oito millóns de metros cadrados de superficie industrial, con 650 empresas e 25.000 empregos activos, distribuídos nun total de nove parques empresariais na provincia de Pontevedra.
Ademais de apostar por pequenos, mediados e grandes negocio;, a Zona Franca de Vigo tamén apoia o emprendedurismo e as ideas innovadoras con programas coma o Vía Galicia que, dende hai sete edicións, acolle proxectos de ámbito autonómico para axudarlles á súa aceleración e incluso internacionalización.
A isto hai que sumar a súa participación noutros eidos coma o téxtil, o mundo do mar, os proxectos culturais ou vencellados coas novas tecnoloxías e que dan lugar a cifras coma 600 millóns de euros en activos e unha inversión de 67 millóns de euros, entre 2020 e 2024.