Asociacións de Cospeito organizan unha excursión pola Ruta da Pedra e da Auga con xantar nun furancho

A Ruta da Pedra e da Auga será o escenario dunha nova excursión organizada por tres asociacións veciñais de Cospeito o vindeiro domingo 12 de abril. A actividade combinará natureza, sendeirismo e gastronomía cun percorrido pola coñecida ruta situada entre os concellos de Ribadumia e Meis, rematando cun xantar nun furancho típico da zona.
A ruta ten unha lonxitude aproximada de 6,6 quilómetros, cunha duración estimada de dúas horas e media e unha dificultade baixa, polo que está pensada para que poida participar un amplo número de persoas. O itinerario discorre ao longo do rego da Armenteira ata chegar ao Mosteiro da Armenteira, un dos puntos máis destacados do percorrido.
A excursión inclúe desprazamento en autobús, que sairá ás 7.30 horas desde os puntos habituais, así como un almorzo a medio camiño durante a ruta. Tras finalizar o percorrido, os participantes compartirán un xantar nun furancho tradicional da zona antes do regreso.
O prezo da actividade será de 55 euros para persoas socias e de 60 euros para non socias. A inscrición deberá realizarse antes do 3 de abril a través de calquera membro das directivas das asociacións organizadoras e a praza quedará reservada unha vez efectuado o pago previo. Desde a organización indican ademais que será necesario alcanzar un mínimo de 20 persoas inscritas para que a excursión poida levarse a cabo.
A iniciativa está organizada pola Asociación Veciñal Vilapene xunto á Asociación Cultural de San Martiño de Pino e da Asociación Veciñal O Cruceiro de San Pedro de Seixas.