Asociacións de Pastoriza e o Concello deseñan o calendario de actividades para o primeiro semestre

As asociacións Asapa (que preside José Manuel García) e Cultural Deportiva Miño (con Álex Luna e Mónica García, á cabeza) mantiveron formalmente co Concello de Pastoriza (Marcos García Lombardero, tenente de alcalde) a celebración dunha reunión de traballo co obxectivo de coordinar e promover distintas actividades sociais, culturais e deportivas que se desenvolverían ao longo dos próximos meses no municipio.
As dúas entidades consideran fundamental reforzar a colaboración co Concello para dinamizar a vida social de Pastoriza e ofrecer propostas de lecer dirixidas a veciños e veciñas de todas as idades.
Entre as iniciativas que as asociacións propoñen impulsar destacan varias actividades repartidas durante a primavera e o verán. En primeiro lugar, está previsto organizar un torneo de tute no mes de marzo, pensado para fomentar a participación e a convivencia entre os afeccionados aos xogos de mesa tradicionais.
No mes de abril propoñen a celebración dun torneo mixto de pádel, aberto á participación tanto feminina como masculina, co obxectivo de promover o deporte en igualdade.
Xa no mes de maio tería lugar a Festa do Neno, unha xornada especialmente dedicada aos máis pequenos, con actividades lúdicas, xogos e animación; e tamén en maio, o 16, será a foliada e cantos de taberna, que coincidirá coa inauguración da área de autocaravanas.
Para o mes de xuño, as asociacións propoñen a organización do IV torneo de pádel, consolidando así esta disciplina deportiva entre os veciños da zona e arredores.
Finalmente, no mes de xullo está prevista a celebración dunha andaina popular e unha carreira, actividades relacionadas con hábitos saudables e a participación cidadá ao tempo que se pon en valor o entorno natural do municipio.