Ata 193.000 euros ascende o orzamento total do FIV 2017
“O FIV non supón un gasto para o Concello”. Así o defende o equipo de goberno de Vilalba despois de dez anos á fronte deste festival que foi medrando e evolucionando.
O edil de Cultura, José Antonio Pita, explica nunha rolda de prensa que se trata “dun investimento”; xa que é “incuestionable” que o FIV leva a marca Vilalba por todo o territorio español.
A concelleira Sandra Vázquez explica que a valoración do Concello da décima edición do FIV que se celebraba neste 2017 é “positiva”. De feito, recorda que as entradas chegaron a esgotarse preto de 15 días antes da súa celebración.
Coma un “acontecemento de impacto en Vilalba” define o FIV o alcalde, Agustín Baamonde. “Naceu coma unha experiencia con máis imaxinación que medios, pero foi avanzando e arraigando no imaxinario colectivo de Vilalba. Agora, pódese dicir que é un referente fundamental da vila. O FIV identifícase con Vilalba e Vilalba identifícase co FIV”.
Cada edición vanse incrementando os medios “na medida do posible”. A ese respecto, o alcalde incide na idea de que “non é un gasto, senón un investimento”. Explica Agustín Baamonde que “é un investimento produtivo e dos máis rendibles que pode ter o Concello de Vilalba”.
E dando resposta á “obriga que contrae o Concello de dar a coñecer o compoñente económico” do festival, Baamonde indica que o gasto total do FIV deste 2017 ascendeu a 193.000 euros. Pola contratación de artistas 100.810 euros; a loxística – escenario e partes mecánicas necesarias- supuxo un gasto de 26.195 euros; a iluminación do recinto e consumo eléctrico, 8.951 euros; seguridade –incluído o Plan de Autoprotección, a asistencia técnica e sanitaria, a vixilancia-, 13.590 euros; e a produción, márketing, produción audiovisual e publicidade, 30.631 euros. Outros gastos diversos coma o pagamento á SGAE ou o servizo de kátering aos voluntarios e hospedaxes ascenden a 13.564 euros.
Os ingresos, segundo debulla de xeito pormenorizado o rexedor vilalbés, ascenden a 63.230 euros no caso da venda de entradas; mentres que a axuda do AGADIC foi de 6.940 euros. Na vertente de patrocinios, neste caso e por vez primeira, o de Mahou supuxo 42.350 euros, Gadisa aportaba 2.420 euros, Red Bull 1.210 euros e Jägermeister, 484 euros. A estes ingresos hai que engadir tamén outros achegados polos postos de merchandising, comida e mercadiño que supoñen 3.676 euros. Así, o Concello de Vilalba aporta 63.524 euros.
Baamonde defende que se trata dunha “cantidade razonable e lóxica” que pouco a pouco se vai reducindo e que agardamos que se vaia reducindo cada vez máis. Con todo, aportan valor inmaterial como é o de “marca, coñecemento, publicidade e propagación do pobo”.
Agradecementos e repercusión
Pola súa banda, a concelleira agradece o traballo de todo o persoal do Concello que fai posible a súa celebración, ademais dos voluntarios de Protección Civil, a Policía Local, a Garda Civil, os Bombeiros, o servizo de limpeza. Tampouco se esquece da Banda de Música de Vilalba por ofrecer unha gran actuación no auditorio e a Asociación de Empresarios Sete Pontes –en representación do comercio vilalbés-. Tamén ten palabras de agradecemento para as entidades colaboradoras.
Neste sentido, o alcalde apunta que “a consolidación da cita é evidente cando consegue implicar a tantos colectivos. De feito, estase a traballar xa na vindeira edición que, polo momento, non ten datas concertadas; pero que estamos seguros que permitirá reeditar o éxito das últimas edicións e, moi especialmente, o deste ano”. Polo momento, cre que “o FIV goza de boa saúde”. De feito, o novo principal patrocinador –Mahou- ten asinado un contrato por tres anos. Así, “o futuro do FIV está garantizado tralas melloras introducidas e o compromiso do Concello”.
O edil de Cultura recorda tamén “a súa repercusión local na hostalería –restaurantes, hostais...- e no servizo de transportes –coma os taxis, por exemplo- tanto en Vilalba coma na zona”. Pita apunta que “os medios recollían practicamente cinco meses antes da súa celebración a cobertura da totalidade das prazas hoteleiras; polo que as persoas que non se quedan en tendas de campaña, hospédanse en Guitiriz, Rábade ou Lugo, por exemplo”.
De cara á vindeira edición, “despois das festas de San Froilán, como se fixo sempre, anunciaranse as datas da súa celebración e poranse á venda os primeiros abonos”. A ese respecto, Pita avanza que se está a traballar na contratación dalgúns artistas de “moita relevancia” polo que “creo que o FIV 2018 vai ter un cartel moi importante”.
A “obra do concelleiro de cultura” como "xermolo" para o Concello de Vilalba
O concelleiro de Cultura e Deporte, José Antonio Pita, ten presentada a súa carta de dimisión por motivos persoais e “responsabilidade política”. Polo tanto, ante as súas últimas actividades como edil do equipo de goberno, o alcalde agradece “o seu traballo e esforzo á fronte da concellería dando un impulso a unha actividade transcendental para o municipio como é a cultura. Creo que as aportacións de innovación e modificación que estivo realizando constantemente deixan un pouso que ten que servir no futuro de acicate para o propio Concello e as persoas que o suceden coa obra realizada”.
“A pesar de que as despedidas son tristes, no caso de José Antonio, vaise cun traballo que deixe xermolo. Polo tanto, poderá ser recordado pola súa obra”, como indica o Baamonde, que “como alcalde lamento que se marche xa que é un colaborador extraordinario, pero ao mesmo tempo quero agradecerlle precisamente ese traballo feito, desexarlle moita sorte e agardar que nun futuro poida reiniciar a súa actividade no lugar que estime oportuno”.
Na mesma liña, o propio José Antonio Pita, manifesta a súa satisfacción polo traballo desenvolto ata o de agora a prol da cultura vilalbesa; aínda que recoñece que “cambiaría algúns aspectos” e que “hai que seguir traballando e achegando cousas novas”.
Destaca tamén “o importante labor do asociacionismo en Vilalba no que traballa moitísima xente”. De feito considera que “se poden facer moitas cousas, pero se non hai participación, non terían sentido”. Así recorda que “subimos a participación nas actividades do auditorio onde se está desenvolvendo unha programación estable en diferentes ámbitos e dirixida a tódolos públicos”. No caso do ciclo de ‘Música na Praza’ cre que “lle gustou á xente”; polo que “hai que traballar nese sentido” igual que no ‘Verán Activo’ ou o Festival Folclórico coma o celebrado no mes de xullo.