Aterra en Meira a mostra sobre a evolución musical do galego, Galegoza
A mostra Galegoza. A canción en galego, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para dar a coñecer ao público máis novo a oferta musical en galego, chegou ao IES Pedregal de Irimia de Meira.
A deputada de Cultura Iria Castro achegouse ao centro meirego para inaugurar a exposición, que repasa o percorrido histórico da música en galego desde os anos sesenta ata a revolución creativa actual. Este percorrido realízase a través das bandas e solistas máis influentes e representativos en diferentes estilos (ritmos tradicionais revisados e actualizados, pop, rock, canción de autoría, experimentación e electrónica, músicas urbanas, hip hop ou rap) e incorpora códigos QR cunha ligazón directa a unha lista de reprodución propia do proxecto para poder escoitalas.
Os 16 paneis que forman a mostra, comisariada por Pepe Cunha e deseñada pola directora de arte Belén Freijeiro, describen esta evolución e incorporan códigos QR cunha ligazón directa á lista de reprodución Galegoza para poder escoitalas.
Iria Castro convidou “ao alumnado a deterse na exposición e achegarse a través dela á música que se está a facer en Galiza” e destacou “a potencialidade das cancións en galego como ferramentas para a dinamización da lingua, subliñando que o momento excepcional que está a vivir a música en galego e as facilidades de escoita que ofrecen as novas tecnoloxías supoñen unha oportunidade que, con iniciativas coma esta, tratamos de aproveitar”.
A mostra estreouse o pasado 9 de outubro no IES Xograr de Sarria, e, despois da súa exposición en Meira, visitará o IES Monte Castelo de Burela, o IES Dionisio Gamallo de Ribadeo, o IES da Terra Chá en Vilalba, o IES Lama das Quendas, en Chantada, o IES Río Cabe de Monforte e o IES de Quiroga.
Cada centro contará para a inauguración da mostra cunha charla de Pepe Cunha e cunha unidade didáctica arredor da exposición para facilitarlle o traballo ao profesorado e introducir a música en galego noutros proxectos.