Atopan no Castro de Saa o peche do bastión defensivo na última escavación realizada

TerraChaXa
Unha das primeiras accións desta campaña foi o descubrimento do empedrado orixinal de acceso
castro-de-saa
4 Aug 2025

Está a piques de rematar unha nova campaña de escavacións arqueolóxicas no Castro de Saa da Pastoriza, cun obxectivo claro: continuar desvelando os segredos que agocha este antigo asentamento. Os traballos están dirixidos por Emilio Ramil, da empresa AxaArqueoloxía, quen xa estivo á fronte da maior parte das intervencións anteriores neste xacemento.

Nesta ocasión, a actuación céntrase especificamente na identificación e posta en valor da entrada ao castro, coa escavación dos torreóns que a flanqueaban, segundo informou o equipo de investigación. A anterior campaña realizárase no mes de xullo do ano pasado. Unha das primeiras accións foi o descubrimento do empedrado orixinal de acceso ao Castro, despois de establecer a liña dos dous torreóns. Finalmente descubriuse tamén o peche do bastión defensivo, o que permitirá avanzar neste sistema de protección do asentamento. Segundo explicaron os investigadores, o peche que ten o bastión esquerdo do Castro de Saa evidencia unha reforma posterior á plena ocupación do castro.

Como parte do programa de difusión cultural, están previstas visitas guiadas abertas a toda a poboación. As dúas primeiras xa se fixeron en xullo e agora a última será o 9 de agosto, ás 12:00 horas. O punto de encontro será a entrada ao castro. Trátase dunha actividade gratuíta, sen necesidade de inscrición previa, na que os asistentes poderán coñecer de preto os avances das escavacións e mergullarse na historia deste destacado enclave arqueolóxico.

Esta iniciativa forma parte do programa de divulgación do patrimonio cultural promovido pola Xunta de Galicia, AXA Arqueoloxía e o Concello da Pastoriza, co propósito de achegar a arqueoloxía á cidadanía e poñer en valor o legado histórico da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.16673588752747